A «Cabuxiña» de Castelao, cuarta peza de «Fóra dos museos»
O martes 26 de xuño ás 20:00 a Libraría NUMAX acolle a cuarta peza de Fóra dos museos, coa exhibición da Cabuxiña de Castelao, unha obra de Cerámica Celta que constitúe unha das escasas incursións do autor no eido da escultura. A partir da pregunta Que acontece coa arte do exilio? Xosé Carlos Valle, director do Museo de Pontevedra, e Sabela L. Pato, comisaria da actividade, conversarán sobre o repertorio artístico no exilio nas coleccións e museos galegos. O acto conta co apoio da Área de Cultura da Deputación da Coruña.
Castelao non era escultor. A Cabuxiña foi unha das poucas achegas que fixo neste campo. Inspirouse nunha obra do alemán Willy Zügel, membro do grupo Secesión de Múnic e recoñecido polas súas miniaturas de animais e grazas tamén á súa colaboración con varias das grandes casas de porcelana de Alemaña. Castelao coñeceu o seu traballo en 1921 durante a súa viaxe de estudos ao país xermano, Bélxica e Francia. No seu diario louva a sinxeleza dunha destas pezas, un año do que realiza un bosquexo e ao que se volve referir varias páxinas máis adiante. Os seus comentarios sobre a figuriña xiran arredor do expresionismo e do primitivismo como fórmulas para superar o costumismo e a idealización dos tópicos populares. Na práctica, as similitudes da miniatura de Zügel coa escultura de Castelao, salvo na escala, son evidentes.
A Cabuxiña é unha peza de 1926, unha das primeiras obras de Cerámica Celta que viu a luz coa técnica do vidrado. A empresa fundárase en Pontecesures en 1925 co nome de Cerámica Artística. Eugenio Escudero, un industrial dedicado á fabricación de tixolos e tellas fora o seu principal promotor, e tamén o encargado de imprimirlle ao proxecto unha liña característica baseada na creación de formas orixinais e autóctonas coa colaboración do escultor Asorey. A pintora Oria Moreno ocupábase da policromía. Asorey e Oria mantiveron a súa vinculación cando Cerámica Artística pasou a mans de Ramón Diéguez e se converteu en Cerámica Celta. A empresa entrou nunha fase de experimentación coa incorporación de Castelao e outros artistas máis novos como Acuña, Bonome, Sobrino, Torres e Maside.
A integración deste grupo na segunda fase da cerámica de Pontecesures situou o proxecto na onda do denominado movemento renovador da arte galega, caracterizado por unha maior apertura vangardista. Unha das innovacións máis sobranceiras nesta etapa foi ese acabado vidrado que loce a Cabuxiña, e que se poderá ver na Libraría Numax o martes 26 de xuño a partir das 20:00. Durante dous meses a súa exhibición servirá para guiar un discurso arredor dos proxectos artísticos quebrados polo franquismo. Que acontece coa arte do exilio? Xosé Carlos Valle, director do Museo de Pontevedra, e Sabela L. Pato, comisaria da actividade, serán os primeiros en responder a esta pregunta na sesión inaugural, que á súa vez, servirá para analizar o repertorio do exilio nas coleccións e nos museos galegos a través dos proxectos do Museo de Pontevedra e do Museo Carlos Maside.
[Imaxe inferior: Diarios de Castelao onde se refire á obra na que se inspira]