Arranca o ciclo «Cinema, rexistro vivo da nosa memoria» coa visita da documentalista Inés Toharia
Aquí tedes o novo ciclo que, en colaboración coa distribuidora Lost&Found Films, vai ocupar a nosa sección de Repertorio nas vindeiras semanas, para a que collemos prestado o título do documental de Inés Toharia que é peza angular da retrospectiva: Cinema, rexistro vivo da nosa memoria. A primeira cita será este venres 15 de marzo.
En Cinema, rexistro vivo da nosa memoria, Inés Toharia rende homenaxe a restauradores e arquivistas de todo o planeta que, co seu traballo, se encargan da preservación do patrimonio fílmico. Este venres 15 de marzo ás 19:00h ofreceremos un único pase do documental con presentación e coloquio da súa directora para o que xa se pode reservar entrada. En martes sucesivos presentaremos en copias recén restauradas obras esenciais procedentes de arquivos e filmotecas de moi diversos recantos do planeta. Un gorentoso menú que virá acompañado de presentacións a cargo de persoas expertas na conservación e a historia do cinema.
A primeira das pezas recuperadas proxectase a semana que vén, martes 19 ás 19:50h, ey será co clásico arxentino Prisioneros de la tierra (1939), de Mario Soffici, que retrata as duras condicións de vida e traballo nos campos de mate. A copia procede dunha restauración dixital elaborada no laboratorio L'Immagine Ritrovata de Bologna, coa colaboración da Film Foundation de Martin Scorsese a partir dunha copia en 35mm recuperada polo Museo do Cinema Pablo Ducrós Hicken de Buenos Aires. A sesión estará presentada pola arquivista e restauradora arxentina Carolina Cappa. Entradas xa á venda en web e billeteira.
Velaquí as datas, títulos e presentacións do ciclo completo: