Libraría

A libraría NUMAX presenta a actividade «Dicir as marxes»

No mes de maio arranca a actividade deseñada e comisariada por NUMAX, «Dicir as marxes», que consistirá en catro encontros e un roteiro nos que explorar o sentido e os límites das fronteiras, o que consiguen conter e o que as desborda. Falaremos de xéneros literarios, do salvaxe e do urbano, das formas de relacionarse co estraño, do patrimonio arquitectónico e das relacións de amizade. Esta actividade está subvencionada pola Deputación da Coruña.

Un xabarín mira a cámara sentado sobre un colchón. Detrás del, plantas en macetas sobre un chan de asfalto, e bloques de pisos do que podería ser o Barrio das Flores, na Coruña. Hai quen ve a imaxe como algo simpático e quen a ve como exemplo dunha ameaza. En calquera caso, sae nos medios e móvese pola rede porque, ata certo punto, desafía as nosas expectativas: ese animal non debería comportarse así, ese animal non debería estar aí. A imaxe é unha anécdota, pero tamén é un exemplo dos conflitos aos que nos enfrontamos cada día. A realidade preséntanos unha e outra vez imaxes que non encaixan de todo, e diante delas aparece a mesma reacción, repetida unha e outra vez: rexeitar aquilo que non cadra coas categorías previamente definidas, as de toda a vida. As que deciden o que é e o que debe facer un xabarín, pero tamén o que é e debe facer unha cidade. Ou un país. Mesmo o que debe facer o clima e a natureza e, tamén, o que é e debe ser unha persoa e a súas relacións. Na política, na cultura, na descrición do mundo, trázanse liñas claras e rectas porque crean a aparencia de seguridade e control, pero o propio mundo insiste en borralas ou, cando menos, en volver debuxalas.

Sobre esas liñas queremos traballar na actividade «Dicir as marxes», unha idea deseñada, coordinada e desenvolta pola área de Libraría de NUMAX. Lonxe de poñer en cuestión aquilo que non encaixa coas categorías, cremos que o razoable é preguntarnos por que esas categorías non son quen de explicar a realidade. Xa que logo, queremos aproveitar a tensión propia das fronteiras para coñecer e coñecernos; en lugar de entender esas fronteiras como algo estático, pretendemos pensalas como algo móbil e flexible, que poden adaptarse para achegarnos a comprender aquilo que nos rodea (e non sempre vemos) e aquilo que somos. 

Por iso, centrámonos en cinco ideas (ou cinco conceptos, ou cinco liñas) que nos atravesan ou nos tocan de preto no noso oficio e na nosa contorna, para pensar como poden redefinirse logo de fixarnos no que está nas marxes. A editora e escritora Laura C. Vela dialogará coa escritora Alba Cid sobre as fronteiras nos xéneros literarios; a filósofa Iria Murado e a investigadora en gastronomía Blanca del Noval guiarán un roteiro por Santiago onde ver como o salvaxe, tanto animal como vexetal, convive co urbano; a antropóloga Valeria Mata falará sobre a forma de relacionarnos co ambiguo; o arquitecto Plácido Lizancos e o antropólogo Íñigo Sánchez-Fuarros abordarán a cuestión do chamado "feísmo" no patrimonio arquitectónico galego; e a antropóloga Guadalupe Jiménez dialogará sobre as transgresións e as normatividades da amizade con Daniel Amarelo, investigadore queer. Contaremos, ademais, coa xornalista e escritora Xiana Arias para conducir estes encontros. Esta actividade está subvencionada pola Deputación da Coruña.

Laura C. Vela e Alba Cid
«Onde coloco este libro? Os límites dos xéneros diante dos libros mutantes»
Mércores 28 de maio ás 20:30h
A primeira xornada céntrase nos libros mutantes para tratar o xeito no que cuestionan os xéneros literarios e as diferentes formas de categorizar a cultura. Desde a práctica de quen escribe, pero tamén das editoriais independentes que asumen o risco de traspasar límites, abordaremos a tensión entre os marcos impostos pola industria do libro e a realidade dunha creación que sempre acaba tendo un compoñente subversivo, híbrido, raro ou, en definitiva, libre. Para iso, acolleremos un encontro entre a escritora e editora de Comisura, Laura C. Vela, e a escritora Alba Cid.

Roteiro con Iria Murado e Blanca del Noval
«A flor no cemento, o xabarín no asfalto. Un roteiro para desantropocentrar a cidade»

A biodiversidade dunha cidade, as fronteiras entre o humano e o non humano, é sempre máis plural que o imaxinario que temos dela. Convivimos día a día con moitos animais que atopan o seu fogar en toda clase de espazos urbanizados. Nese mesmo sentido, a cidade tamén está chea de mundo vexetal que se fai paso entre o cemento. Hai árbores e plantas que son froito de planificacións urbanas para facer os espazos máis “verdes”, pero hai outras que medran sen orde e en espazos non desexados. Para abordar estas cuestións, faremos un roteiro que nos levará por varios puntos sensibles da cidade nos que estes choques se evidencian, para así reflexionar sobre a planificación, deseño e xestión do espazo urbano. As nosas guías serán Iria Murado, investigadora en ética animal, e Blanca del Noval, especialista en gastronomía e plantas silvestres.

Valeria Mata
«Estar en paz coa ambigüidade»

Fronte ás operacións de captura que buscan incluilo todo nun xénero ou réxime único, que escapes son posibles? Podemos relacionarnos co estraño sen pretender explicalo ou resolvelo? Como non capturar a marxe e evitar que o ex-céntrico se volva centro? Nesta conversación coa antropóloga Valeria Mata, acompañada de imaxes en movemento, sons e exercicios para desprazar a mirada, deixarémonos guiar por nocións provocativas, como o estranxeiro, o indeterminado e o desviado.

Plácido Lizancos e Íñigo Sánchez-Fuarros
«Feo ti. O útil e o bonito no patrimonio arquitectónico»

Onde alguén ve un apeiro de labranza que tirar ao lixo, alguén ve unha peza de museo. Onde alguén ve un armatoste que afea a paisaxe natural, hai quen ve un valor arquitectónico. E neses emblemáticos peches de finca feitos con somieres, hai quen ve feísmo e hai quen ve unha reivindicable práctica de aproveitamento e autoconstrución. Neste cuarto encontro, partimos precisamente do conflito do feísmo para abordar a idea de patrimonio co docente da Universidade da Coruña e arquitecto Plácido Lizancos Mora e co antropólogo e investigador Iñigo Sánchez-Fuarros, membro do proxecto Palcos.

Daniel Amarelo e Guadalupe Jiménez-Esquinas
«A família escolhida? Transgressões e normatividades da amizade»
A amizade protagoniza grande parte da nossa vida em sociedade, bem como dos relatos que sobre essa vida contamos. Às vezes a amizade dá-nos grandes momentos e grandes confortos, mas outras vezes leva-nos a rupturas e desassossegos. Mas que lugar ocupa hoje a amizade? Fica nas margens, se comparada com outros tipos de relacionamento (familiares, românticos, matrimoniais...), ou será que ocupa um lugar central, simbolicamente importante apesar de muitas vezes invisibilizado? Por meio desta conversa com a antropóloga Guadalupe Jiménes-Esquinas e Daniel Amarelo, investigadore queer, pretendemos uma partilha sobre as transgressões e normatividades da amizade.