Diego Giráldez presenta «As obras póstumas» na Libraría NUMAX

A Libraría NUMAX acolle a presentación do libro As obras póstumas (Xerais) de Diego Giráldez o venres 12 de setembro ás 19:00h. O autor estará acompañado polo xornalista Alfonso Pato. A entrada é libre ata completar aforo.
Logo de saber que padece unha demencia agresiva, a escritora Pilar Fonte recibe a encarga de escribir unha obra póstuma. Pilar, xa con moitas dificultades, vaille ditando a unha amiga que a acompaña algunhas pasaxes da súa vida e, sobre todo, a súa particular relación co centro psiquiátrico San Simeón, que contemplou dende pequena asomada á ventá do seu cuarto. Mais o vínculo de Pilar co centro non é de simple veciñanza, senón que vai moito máis lonxe do esperado. Nin ela mesma imaxinou nunca que a conexión coas persoas que o habitan chegaría a ser tan poderosa. Entre o realismo máxico e a dúbida constante de canto é froito da memoria, Diego Giráldez guía os nosos pasos a través dun relato cargado de sensibilidade pero tamén de frescura. Acompáñanos ata unha casa vella chea de mobles protexidos por sabas que imos retirando para descubrir os estragos do paso do tempo.
Diego Giráldez (O Porriño, 1976) leva toda a súa vida profesional vinculado ao xornalismo e á comunicación. Ademais de coordinar varias cabeceiras, colaborou como columnista de opinión nos xornais «A Nosa Terra» ou «Xornal de Galicia» e, a través de reportaxes culturais, en «El País». Na actualidade, é colaborador do diario dixital «Praza Pública» e da «Revista Luzes». Ademais, fundou e dirixiu publicacións como o magazine «Kalaikia», «Malladoura» ou «CanZine». É autor de varios traballos sobre arquitectura e historia. A súa primeira obra literaria de narrativa foi «Galería de saldos» (Xerais, 2016), libro de relatos polo que foi elixido «Autor galego do ano» pola revista «Fervenzas Literarias». Tamén publicou as novelas «Hotel para coleccionistas discretos» (2019), «O meu sangue» (2022) e «As obras póstumas» (Xerais, 2025), coa que logrou o XLIII Premio Blanco Amor de Novela. Ademais, Diego Giráldez recibiu o Premio José Saramago de relato curto (2010), o primeiro accésit do Certame Nacional de Narracións Breves Modesto R. Figueiredo (2015), o Premio Literario Manuel Murguía (2016) e foi finalista do Premio de Xornalismo Francisco Fernández del Riego nos anos 2020 e 2022.