Cinema

Encontro «A cor das palabras» coa cineasta e artista Dora García

A reputada artista vallisoletana Dora García visítanos o domingo 12 de maio para ofrecer o encontro Como foi o desenvolvemento do proxecto Segunda Vez, 2014-2018, dentro do ciclo A cor das palabras organizado polo Concello de Santiago e NUMAX. Un día antes, sábado 11, a directora presentará na sala o seu último filme: Segunda vez. Reserva praza para o encontro escribindo a [email protected].

A visita a NUMAX da profesora, artista e cineasta Dora García xira arredor de Segunda vez, proxecto artístico desenvolvido durante 5 anos que deu lugar a un marabilloso documental do mesmo nome, gañador do gran premio en FID Marseille. O filme, que se poderá gozar en NUMAX o sábado 11 de maio ás 19:45 con presentación e coloquio da directora, pon en escena tres happenings de Oscar Masotta, teórico fundamental das vangardas arxentinas dos anos cincuenta e setenta, cuxas ideas sobre a psicanálise, a política e a arte lacaniana mudaron a escena artística en Buenos Aires, antes da chegada da ditadura e a fin das vangardas.

No encontro A cor das palabras organizado polo Concello de Santiago e NUMAX, Dora García relatará como naceu a urxencia do proxecto Segunda vez. A artista vallisoletana afondará na figura do intelectual arxentino Oscar Masotta para reflexionar sobre as conexións entre performance, psicanálise e política, e sobre as estratexias narrativas da metaficción e a repetición. O encontro terá lugar o domingo 12 de maio ás 11:30 e xa se pode reservar praza no correo [email protected].

A obra de Dora García (Valladolid, 1965) atopa o seu campo de interese na creación de situacións e contextos que alteran a relación tradicional entre artista, obra e espectador. Tras vivir case dúas décadas en Bruxelas, traballa agora en Barcelona. Participou en varias exposicións internacionais como a Bienal de Venecia do 2011 (proxecto Lo Inadecuado), 2013 (proxecto The Joycean Society) e 2015 (proxecto The Sinthome Score); a Documenta 13 en 2012 (proxecto Klau Mich), e Munter Sculpture Projects en 2007. Recentemente presentou exposicións individuais en Toronto Power Plant; IVAM, Valencia, The Tetley, Leeds; Galerie Michel Rein, París, e La Verrière, Bruxelas. García é profesora na Academia Nacional de Arte en Oslo e a escola HEAD en Xenebra, e é membro da facultade do PEI en Barcelona. Co-dirixe, desde 2012, Les Laboratoires d'Aubervilliers en París. O seu anterior filme, The Joycean Society, foi proxectado en NUMAX en 2015.