É un falar #03 con Celso Fdez. Sanmartín e Fruela Fernández: «Palabras tomadas»
«Palabras tomadas» é o título escollido para a terceira conversa de «É un falar». Esta actividade terá lugar o mércores 21 de setembro ás 20:30 da tarde e reunirá na Libraría NUMAX ao narrador oral Celso Fernández Sanmartín e ao tradutor e poeta Fruela Fernández. Esta actividade está apoiada pola Deputación da Coruña e conta coa colaboración do Instituto da Lingua Galega.
O poeta e narrador Celso Fdez. Sanmartín e o docente, tradutor e escritor Fruela Fernández son facedores de textos situados nos límites dos xéneros e con publicacións, cando as teñen, que mesturan historias orais, reflexións, sabiduría popular, tradicións resistentes coa palabra escrita. Na súa actividade profesional o lalinsense Celso Fdez. Sanmartín goza de contar historias en alto para o público dende a actualidade, dándolle á palabra o seu lugar natural e demostrando que os contos non son algo estático. Pola súa parte, o asturiano Fruela Fernández, traballa coa memoria e as historias dun xeito diferente como demostra a súa última publicación Incertidumbre de aldea. Nesta obra, a memoria constrúese por capas, de maneira que o texto, queda a medio camiño entre o ensaio, o diario e a crónica dun momento vital, volvendo unha e outra vez sobre temas comúns, que vinculan ademais as estas dúas voces: o sentido da cultura popular, as transformacións e a relación campo-cidade, o traballo da lingua ou as mutacións antropolóxicas.
De todos estes temas e de moitos máis falarán neste penúltimo encontro titulado «Palabras tomadas» e que terá lugar na tarde do mércores 21 de setembro ás 20:30 na Libraría NUMAX. Para as persoas que non se poidan achegar, a conversa será retransmitida en directo a través das nosas páxinas de Facebook e Instagram (@numaxcoop). A actividade é aberta ata completar aforo.
Fruela Fernández (Langreo, 1982) é autor da triloxía de poemas La familia socialista (La Bella Varsovia, 2018), Una paz europea (Pre-Textos, 2016) e Folk (Pre-Textos, 2013). Tamén publicou o ensaio Una tradición rebelde. Políticas de la cultura comunitaria (La Vorágine, 2019) e o caderno de apuntes Incertidumbre de aldea (La Vorágine, 2021). Traduciu a Edoardo Sanguineti, Marie Luise Kaschnitz, Patrick Kavanagh e Peter Handke, entre outras. Codirixiu o festival internacional Cosmopoética, galardoado co Premio Nacional de Fomento da Lectura en 2009. Vive nunha aldea de Mallorca e é profesor na Universitat das Illes Balears. Neste mes de setembro de 2022 incorporouse como asesor editorial ao proxecto de Kriller71 onde acaba de publicar o seu último libro: Manos verdaderas. Un ensayo en traducciones. Foto de Fruela: Alisa Guerrero.
Celso Fernández Sanmartín (Lalín, 1969) é narrador oral, etnógrafo, poeta, horticultor, ornitófilo, corredor e paseante, agradecido. Publicou fanzines como Repoboar (2015) e libros como Fucsia, talladas, estampados, boca (Imprenta Librería Alvarellos, 2001) ou Gratas e boas novas (2011), nas que mestura creación propia e a memoria narrativa atesourada durante o seu traballo durante dez anos nunha residencia da terceira idade de Lalín. O seu último poemario A cama do meu avó Manuel Sanmartín Méndez saiu na editorial Apiario en 2018.
Sobre «É un falar»
A relación entre a fala e a escrita é o punto de partida deste ciclo de conversas no que catro parellas de autoras galegas e doutras partes do Estado se atoparán na Libraría NUMAX para dialogar sobre o seu proceso creativo e sobre a inclusión da oralidade nos seus textos literarios (e viceversa). Estas conversas, de estructura aberta, terán como liña vehícular a oralidade, o recitado en voz alta permitindo a interpretación en directo, a lectura de textos propios e alleos. Estes encontros sucederán entre persoas con algo en común e estarán distribuídos en catro citas, de xuño a novembro, neste 2022. Nesta actividade xa participaron Pablo X. Suárez e Nuria Vil, e Uxue Alberdi e Susana Sánchez Aríns. Nos vindeiros meses «É un falar» acollerá a Ángela Segovia e Luz Pichel. Esta actividade conta co apoio da Deputación de A Coruña e coa colaboración do Instituto da Lingua Galega (ILG).
- Hoxe
- Ver máis
-
-
-
-
Parthenope
VOSE
-
-
Oh, Canada
VOSG
-
-
Parthenope
VOSE