Cinema

Encontro con Pedro Costa e Giorgio Passerone

A gran retrospectiva á obra de Danièle Huillet e Jean-Marie Straub que vimos celebrando en NUMAX desde comezos de ano, terá o mellor dos colofóns posíbeis. Baixo o título «Quei loro incontri (Eses encontros con eles)», temos a honra de recibir a visita do cineasta portugués Pedro Costa e o profesor e actor italiano Giorgio Passerone.

O acontecemento terá lugar o luns 27 de agosto ás 18:00 e inclúese no ciclo «A cor das palabras» organizado polo Concello de Santiago, ao que se suman neste caso como entidades colaboradoras o Museo Reina Sofía, La Plantación de Ourense e a distribuidora Belva Films. O encontro completarase coa proxección en exclusiva da última curtametraxe de Jean-Marie Straub, Gens du Lac (2018, 18').

O acceso ao encontro é libre e gratuíto mais podes reservar praza desde xa de maneira anticipada enviando o teu nome completo e número de contacto a [email protected].

E isto non é todo! Logo do encontro, o luns 27 ás 20:00 preoxectarase Onde xace o teu sorriso? con presentación de Pedro Costa e o martes 28 de agosto ás 19:50 o actor Giorgio Passerone presentará tres das últimas peza de Straub: Comunistas + A guerra de Alxeria + O acuario e a nación.

Desde o pasado mes de febreiro, en colaboración co Museo Reina Sofía, o Cinema NUMAX está a programar unha retrospectiva case completa da obra de Jean-Marie Straub e Danièle Huillet, creadores —primeiro en conxunto e Straub en solitario tras o pasamento da cineasta en 2006— dun dos proxectos máis coherentes e radicais a nivel estético e político da historia do cinema. A visita de Straub ao Cinema NUMAX é un soño feito realidade e inclúe felices encontros con compañeiros de viaxe do cineasta.

Pedro Costa é xa un habitual da nosa sala tras a estrea por parte de NUMAX Distribución do seu último filme, Cabalo Diñeiro, presentado en NUMAX polo cineasta lisboeta. O cinema de Costa, situado sempre a carón dos desposuídos do sistema, encontra importantes puntos de contacto coa obra de Straub&Huillet, a quen dedicou en 2001 unha sentida homenaxe na magnífica ¿Dónde yace tu sonrisa escondida? O director participará ademais, do 28 de agosto ao 2 de setembro, nun taller de traballo en La Plantación de Ourense.

Pola súa banda, Giorgio Passerone é profesor de literatura italiana e actor nalgunhas das últimas pezas asinadas por Jean-Marie Straub, entre elas Gens du Lac, que será proxectada en exclusiva no encontro do luns 27.