Cinema

Foco Jean Rouch: 6 obras imprescindibles do pai do cinéma verité

Do 13 de decembro ao 10 de xaneiro poderemos descubrir de primeira man o apaixonante traballo de Jean Rouch, a figura máis relevante do documental etnográfico e pai do cinéma verité. Ao director francés dedicarémoslle 5 sesións con documentais gravados entre os anos 50 e os 70 en Costa de Marfil, Malí, Níxer, Ghana e a propia París. O pase inicial de Eu, un negro + Os amos tolos contará con presentación do profesor e programador Julio Vilariño (Cineclube de Compostela).

Nacido en Francia en 1917, Jean Rouch ficou cativado desde moi cedo por Nanooq, o esquimó e o documental antropolóxico. Desde finais dos corenta, dedicou todas as súas forzas á filmación de diferentes pobos de África, reparando nos seus ritos e tradicións ancestrais, pero tamén na pegada do colonialismo na súas culturas. Rouch non atendía á tradicional distinción entre documental e ficción, creando o coñecido como cinéma verité, un estilo baseado no uso de equipos pequenos que permitían a captación sincrónica de imaxe e son e a combinación do rexistro documental con outros dispositivos máis propios da ficción clásica. Os seus máis de 100 filmes, dos que aquí degustaremos unha representativa escolla, conforman un fondo fílmico excepcional sobre a realidade e a herdanza de África.

Martes 13 de decembro
Os amos tolos (1955, 28') + Eu, un negro (1958, 70')
Presenta Julio Vilariño (Cineclube de Compostela)

Martes 20 de decembro
A pirámide humana (1961, 90')

Martes 27 de decembro
A caza do león con arco (1965, 70')

Martes 3 de xaneiro
Xaguar (1967, 110')

Martes 10 xaneiro
Pouco a pouco (1971, 92')