Cinema

A epopea india de Fritz Lang no Foco de NUMAX

Os nosos Focos continúan a recuperar, en estupendas copias restauradas, alfaias da sétima arte. No mes de xaneiro poderemos gozar de dúas maxestosas obras ambientadas na India e dirixidas polo xenial director alemán Fritz Lang: O tigre de Esnapur e A tumba india.

A finais da década dos 50 Fritz Lang contaba cun amplo recoñecemento como un dos grandes directores a nivel planetario. Ás súas obras mestras expresionistas (Metrópole, O Doutor Mabuse, M) filmadas en Alemaña antes de exiliarse en pleno auxe fascista sumábase o seu bo facer na industria hollywoodense, onde soubo adaptarse aos xéneros clásicos para asinar unha manchea de obras mestras (Furia, Os subornados, Perversidade...) O espírito crítico dos seus últimos filmes en Hollywood valéronlle as suspicias do censor Comité de Actividades Antimericanas o que precipitou o regreso ao seu país natal onde asina dúas fascinantes obras mestras ambientadas na India.

Na República Federal Alemá reencontrarase co estilo que o deu a coñecer nos anos vinte, un cinema épico e de aventuras ambientado nun ficticio reino da India marabillosamente filmado que supón un dos cumios incontestables do xénero. O díptico formado por O tigre de Esnapur e A tumba india poderá gozarse en NUMAX os martes 11 e 18 de xaneiro en estupendas copias restauradas.

Martes 11 de xaneiro
O tigre de Esnapur (Fritz Lang, 1959, 101')
Harald é un afamado arquitecto cuxos servizos foron demandados polo maharajá Chandra do reino de Esnapur. De camiño, Harald salva á bela bailarina Seetha das fauces dun tigre. O frechazo entre os dous é instantáneo, pero o maharajá, dominado polos celos, non está disposto a que esta relación siga adiante.

Martes 18 de xaneiro
A tumbra india (Fritz Lang, 1959, 96')
Continuación d'O tigre de Esnapur. O arquitecto europeo Harald Berger e a bailarina Seetha son capturados polos homes de Chandra. Mentres tanto, Ramigani planea arrebatarlle o poder ao seu irmán, servíndose dos seus aliados en palacio. Cando Chandra se entera da relación amorosa entre Seetha e Berfer, fai chamar ao doutor Rhode para encargarlle a construción dunha enorme e luxosa tumba destinada aos dous namorados.