Cinema

Ramiro Sonzini presenta a segunda parte do ciclo «Fulgores e fracturas. Cine arxentino moderno»

Entre o sábado 10 de outubro e o martes 3 de novembro descubriremos algunhas das obras máis anovadoras do cinema arxentino dos 60 da man do director, crítico e programador cordobés Ramiro Sonzini. A segunda parte do ciclo Fulgores e fracturas, que tivo a súa primeira entrega en 2025, arranca este sábado 10 de outubro co filme Dar la cara, de José A. Martínez Suárez, que terá presentación e coloquio de Sonzini. Entradas xa á venda para todas as sesións do ciclo.

Para a Parte 2 de Fulgores e fracturas, Ramiro Sonzini artellou un programa cheo de xoias ocultas do cinema moderno arxentino, con obras clave que radiografaron as mutacións e contradicións da sociedade do seu tempo. A hipocrisía das clases medias, as ansias de rebelión da xuventude ou os tabús e convencións sociais arredor do sexo, a familia e o matrimonio serán algunhas das constantes desta suxestiva e reveladora programación deseñada especialmente para NUMAX.

A viaxe comeza o vindeiro sábado día 10 con Dar la cara, unha poliédrica aproximación á sociedade porteña de finais dos 50, que conta no seu elenco cunha figura fundamental do cinema arxentino: o actor, músico e cineasta Leonardo Favio. Nesta sesión contaremos coa presenza de Ramiro Sonzini que, ademais de presentar o filme, anticipará algunhas das liñas mestras do ciclo. A fin de semana de Sonzini na nosa sala complétase, como sabedes, con varios pases do seu propio filme La noche está marchándose ya.

Programación do ciclo

Sábado 10 de outubro | 18:40h
Dar la cara (José A. Martínez Suárez, 107', 1962)
Con Leonardo Favio, Raúl Parini
Tres mozos de contextos moi diferentes rematan o servizo militar e enfróntanse á complexa realidade social de Arxentina de 1958. Presentación e coloquio con Ramiro Sonzini.

Martes 13 de outubro | 19:30h
Ufa con el sexo (Rodolfo Kuhn, 77', 1968)
Con Elsa Daniel, Héctor Pellegrini, Marilina Ross
Juan é un mozo burgués porteño que practica o engano para seducir as mulleres. A súa vida muda ao namorar de Evangelina, unha muller que desordena as súas certezas sobre o amor, o sexo e o matrimonio. Título maldito do cine arxentino cuxa estrea foi denegada pola Xunta Nacional de Cinematografía.

Martes 20 de outubro | 19:50h
La herencia (Ricardo Alventosa, 74', 1964)
Con Juan Verdaguer, Nathán Pinzón
A herdanza á que fai referencia o título do filme é a que deixa a tía Carlota ao hipotético fillo da súa sobriña Coralia. O testamento outorga un prazo para que a moza sexa nai, o que non só altera a vida dela senón tamén a de seu pai, Don César, e a do seu marido Leopoldo Selva. Corrosiva sátira social que conta no seu elenco coa presenza do actor ourensán Fernando Iglesias 'Tacholas.

Martes 27 de outubro | 19:30h
... (Puntos suspensivos) (Edgardo Cozarinsky, 77', 1971)
Con Jorge Álvarez, Marcia Moreto
Un cura de estrema dereita descobre a través de tres encontros chave (co exército, cunha familia burguesa e cun sacerdote tercermundista) que debido á súa ideoloxía quedou fóra do seu tempo.

Martes 3 de novembro | 19:40h
Los venerables todos (Manuel Antín, 70', 1962)
Con Walter Vidarte, Lautaro Murúa
Ismael, o integrante máis inestable e feble de carácter dun suposto grupo de conspiradores con aspiracións de poder, sofre as constantes burlas e o menosprezo do lídeo do mesmo e os seus compañeiros. Todo muda cando unha muller da que Ismael está namorado comeza a integrarse nas lóxicas macabras do grupo.