Libraría

A Libraría NUMAX acolle a presentación de «Agenciamientos ecológicos»

O mércores 19 de marzo ás 19:00h a Libraría NUMAX acolle a presentación de Agenciamientos ecológicos. Arte y gobernanza en la era de la crisis climática (Bartlebooth) coas investigadoras Natalia Balseiro, Brais Estévez e Fran Quiroga. A entrada é libre ata completar aforo.

Que capacidade teñen as comunidades para xestionar os seus recursos, enfrontar a crise ecolóxica e imaxinar alternativas futuras? Que formas de reconsiderar as relacións co ambiente, a natureza e outros seres podemos atopar? Que rol poden xogar a arte contemporánea e os procesos de participación pública para albiscar e mobilizar desexos cara á transformación social?

Agenciamientos ecológicos reúne ensaios, experiencias e propostas para rearticular as relacións entre comunidades, territorios e futuros viables a través de procesos artísticos. Busca recoñecer, en diferentes territorios e xeografías, prácticas, léxicos e discursos que poñen de manifesto a axencia das comunidades en procesos de autogoberno, poñer en cuestión as visións herdadas na concepción do que nos rodea e a capacidade da arte contemporánea e a participación comunitaria para catalizar novos relatos e narrativas cos que enfrontar a crise de imaxinación ante un futuro climático incerto.

O libro é unha colaboración editorial de Bartlebooth e Concomitentes, unha asociación cultural que promove a produción de obras de arte conectadas co seu entorno social. O proxecto invita a grupos procedentes da sociedade civil —os comitentes— a converterse, da man de unha mediadora ou mediador, nos promotores destas obras que respondan ao contexto inmediato destes colectivos. Concomitentes basease na metodoloxía desenvolta en 1990 polo artista François Hers, que nos últimos 25 anos tivo un enorme impacto social e cultural, con máis de 500 proxectos en diversos países de Europa. En España, Concomitentes desenvolve actualmente seis concomitancias en León, Madrid, Badaxoz, Lugo, Sevilla e Pontevedra.

Natalia Balseiro é investigadora, curadora e mediadora cultural desde fai máis de vinte anos, deseña procesos e proxectos de arte, cultura, participación, innovación democrática, mediación e desenvolvemento territorial e sectorial desde a administración pública e como profesional independente a nivel local, autonómico, estatal e internacional. O seu traballo caracterízase polo deseño colaborativo, de carácter estratéxico, coas comunidades locais e/o sectoriais, de forma situada nos territorios, pensando sempre na sustentabilidade futura e na súa conceptualización transversal e intersectorial.

Brais Estévez Vilariño é Doutor en Xeografía pola Universitat Autònoma de Barcelona. O seu traballo acontece na encrucillada entre a xeografía urbana, os estudos sociais da ciencia e a tecnoloxía e as perspectivas non representacionales. Interésase pola indagación etnográfica e as formas de colaboración epistémica e, sobre todo, pola pregunta sobre a vida en común en mundos mediados por infraestruturas, materialidades, corpos e saberes.

Fran Quiroga é investigador transdisciplinar. Entre as súas liñas de traballo están os cruces entre o activismo, a arte, a participación social e os comúns. É licenciado en ciencias políticas pola Universidade de Santiago de Compostela, con estudos en universidades de Cork, Minho, A Coruña, ou Selecta e Master en Tecnoloxías da información. Co-dirixiu investigacións como Ruraldecolonizado, o Gabinete de Imaxinación Política, Festas Raras, o Programa de Estudos en Man Común (PEMAN), ou o #salóndoMARCO, coordinou o proxecto Naturalizarte en Guadalaviar (Teruel) e foi co-coordinador de Montenoso.