Cinema

Participa no LUX Audience Award

Cinco dos filmes máis salientables da tempada optan ao LUX Audience Award, un premio que outorga o público europeo aos filmes que mellor representan os retos e problemáticas da nosa sociedade. Para que poidas ver, puntuar e participar no premio nas vindeiras semanas imos proxectar catro dos filmes nomeados, comezando este xoves 18 con Alcarràs. Coa túa paticipación podes gañar unha viaxe ao Parlamento Europeo!

O cambio climático, o esgotamento de recursos naturais, a homofobia ou o delirio capitalista son algunhas problemáticas ás que nos enfrontan os títulos máis salientables do cinema europeo da tempada que optan ao LUX Audience Award. Un ano máis o Parlamento Europeo ofrece ao público continental a posibilidade de puntuar os cinco filmes finalistas e optar a unha viaxe ao Parlamento Europeo. Tes até o 12 de xuño para achegar a túa puntuación a través desta plataforma: https://rating.luxaward.eu/en/.
 

En NUMAX, ademais de sumarnos á campaña Watch, Rate and Win, imos proxectar catro dos filmes finalistas ao premio, de maneira que poidas valorar de primeira man cales son as túas preferencias. Deixamos a continuación o calendario de proxeccións destes títulos ao que se suma a turca Burning Days, de Emin Alper, que non podemos incluír no ciclo ao non ter sido estreada en salas españolas. O #LUXAudienceAward é unha iniciativa do Parlamento Europeo, programa MEDIA Europa Creativa, Europa Cinemas e a Academia do Cinema Europeo.
 

Xoves 18 de maio
Alcarràs (Carla Simón, 120')

Xoves 25 de maio
O triángulo da tristeza (Ruben Östlund, 149')

Xoves 1 de xuño
Close (Lukas Dhont, 105')

Xoves 8 de xuño
Fogo fatuo (João Pedro Rodrigues, 67')