Libraría

Luz Campello presenta o poemario «Ben sabe o mar que posúo o botín das piratas»

A poeta guitiríca Luz Campello presentará o venres 10 de marzo ás 20:30h o seu poemario Ben sabe o mar que posúo o botín das piratas editado por Galaxia. Campello estará acompañada nesta ocasión pola profesora Fe Nuñez e o escritor Xosé Antón Cascudo. Foto: Gosia Trebacz

O libro Ben sabe o mar que posúo o botín das piratas editado por Galaxia está escrito dende a experiencia de quen sucou os mares e sabe dos naufraxios y das illas. A voz é un Eu feminino que se recoñece na intemperie, e que se cuestiona o mundo dende as súas arestas: o propio corpo, as perdas, o amor, as inxustizas, as violencias, a destrución da natureza. Un poemario de denuncia e resiliencia que transita no tempo das mareas até desfragmentar as feridas e acadar o botín, “a única ganancia propia / a ganancia das derrotas”. Na presentación, que terá lugar o venres 10 de marzo ás 20:30h, Luz Campello estará acompañada nesta ocasión por Fe Nuñez, profesora de lingua e literatura no IES Melide, e por Xosé Antón Cascudo, escritor e profesor da Universidade de Santiago de Compostela, XXII Premio Ramón Piñeiro polo ensaio A mística da feminidade en Mad Men.

Luz Campello (Granxa Vella, Labrada, Guitiriz, 1966) é traballadora social e escritora. Comezou a escribir na revista Xemolos, de Guitiriz, e en 2005 gañou o V Certame Poesía da Irmandade de Centros Galegos de Euskadi. Membro fundadora da Nova Poesía Guitirica, xunto con Antón de Guizán, Pastora Veres e outras mozas e mozos vencellados con Guitiriz, movemento que xorde arredor da figura de X. M. Díaz Castro, en 2009 publicou o seu primeiro poemario, Do corazón da terra, ao que seguiu Inventario do prohibido (2010). Foto: Gosia Trebacz