Libraría

Manolo González presenta «O cineísta andarengo» na Libraría NUMAX

A Libraría NUMAX acolle a presentación de O cineísta andarengo. A propósito de Bernardino de Lamas (Embora) de Manolo González o mércores 4 de xuño ás 19:00h. O autor estará acompañado polo escritor Manuel Gago. A entrada é libre ata completar aforo.

Sempre abordamos a historia do cinema dende a perspectiva dos cineastas profesionais, pero poucas veces consideramos de interese o punto de vista do amateur, aquel que, como denota a súa raíz latina amare, implica facer algo por pracer, por puro amor. Bernardino de Lamas, en realidade un pseudónimo do xornalista Alfonso Piñón, é un dos pioneiros cineístas amateur de Galicia. Nos libros de historia do cinema galego apenas representaba algo máis dunha nota a pé de páxina. Falábase esquematicamente dun cineísta descoñecido de Ferrol. Explorando descubrimos que, ademais de cineísta, Alfonso Piñón/Bernardino de Lamas foi un xornalista andarengo comprometido coa natureza, un descubridor de sendeiros ocultos, un filósofo das corredoiras e congostras esquecidas, un singular homo viator. Case un precursor do ecoloxismo contemporáneo adiantado ao seu tempo.

Manolo González é un activista do cinema e o audiovisual galego dende hai corenta anos en diferentes iniciativas do eido industrial, educativo ou institucional. Foi o impulsor e director da Escola de Imaxe e son da Coruña (1990-1998) ou da Axencia Audiovisual Galega (2005-2009). Asemade colaborou coas Universidades de Vigo e Coruña. Coordina o encontro de cineastas da Chanfainalab de San Sadurniño (2014-2025). Nos últimos anos foi publicando libros, folletos e artigos, nomeadamente sobre formación, política audiovisual e cinema de emigración a través de figuras senlleiras do noso cinema como José Gil (Nos días encantados de agosto, premio Losada Diéguez 2023) e Antonio Rey Soto (O benshi de Galicia, finalista nos Premios Rosalía de Castro 2024).