Libraría

Manuel Martínez presenta o libro «Canto da emigración» na Libraría NUMAX

A libraría NUMAX acollerá o martes 14 de marzo ás 20h30 a presentación de «Canto da emigración. Historia da música de Teódulo R. Páramos», un libro coordinado por Manuel Martínez Torres, programador cultural da Orquesta Clásica de Vigo. Na actividade participarán o coordinador xunto ao guionista e produtor Pepe Coira. A entrada é libre ata completar aforo.

No ano 2021 a Orquesta Clásica de Vigo traballou baixo a dirección de Pepe Coira nun traballo de reconstrucción para imaxinar a perdida Canto de emigración, un filme dirixido por Antonio Román en 1935, obra única e vangardista do patrimonio fílmico galego. Un traballo de recuperación que se fixo partindo do ronsel que chegou ata os nosos días en forma de fotogramas, reseñas na prensa, fotografías, o guión e a partitura que apareceu na casa da neta de Teódulo R. Páramos, unha violinista da propia orquestra. Esta última é o cerne deste libro. A partitura de Teódulo custodiada pola súa familia, resultou ser alicerce fundamental, o fío co que tecer unha historia da música e os espazos en Vigo entre 1925 e 1959, a través dun dos seus actores: un músico de café. Este acto, será a previa á sesión inaugural da Mostra Internacional de Cinema Etnográfico - Museo do Pobo Galego, onde a orquesta tocará en directo esta peza musical xunto á proxección do filme restaurado de Antonio Román. Esta actividade terá lugar o mércores 15 de marzo ás 20h00 horas no Teatro Principal. 

Manuel Martínez Torres (Vigo, 1989). Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela. Realizou os seus estudos de mestrado en Xestión Cultural na Universidade Complutense de Madrid no ICCMU, e especializouse recentemente na xestión de Audiencias na Universidade de Deusto. Traballa para distintas entidades como AECID, Sinsalaudio ou a Orquesta Clásica de Vigo, formación para a cal deseña a cal programación cultural na actualidade.

Pepe Coira (Rábade-Lugo, 1963). Guionista e produtor. Creador das series Hierro e Rapa (esta última, en colaboración con Fran Araújo), produtor executivo e guionista en ficcións televisivas —Luci, Hispania, As leis de Celavella, Terra de Miranda ou Mareas vivas—, series documentais —Cos pes na terra, Deportes imposibles, Hai que mollarse...— e longametraxes —O corpo aberto, A viaxe de Leslie, Eloxio da distancia, A Seara ou Beiras. Vivir2veces—, as dúas últimas tamén como director. Puxo en marcha e dirixiu o CGAI os sete primeiros anos de vida da institución. Como investigador, publicou unha biografía de Antonio Román. O carrro e o home, e recibiu o premio María Luz Morales de ensaio sobre o audiovisual galego co traballo titulado Argumentos de películas.