Cinema

A 16 Mostra Internacional de Cinema Etnográfico vívese en NUMAX

Un ano máis NUMAX consolídase como unha das sedes principais da MICE, a Mostra Internacional de Cinema Etnográfico organizada polo Museo do Pobo Galego que na súa 16ª edición celebrará 5 sesións en NUMAX. Velaquí tes toda a info.

Nesta 16ª edición da MICE, NUMAX acollerá un total de 5 sesións, dúas delas pertencentes á sección Trazas, comisariada polo Cineclube de Compostela. Nesta liña de programación contaremos cos filmes Yezh ar vezh [A lingua da vergoña], de Philippe Durand, que relata a loita pola subervivencia do idioma bretón, e Het Dak Van de Walvis [O teito da balea], sátira do imperalismo cultural filmado en seis idiomas polo cineasta de culto Raoul Ruiz.

Na sección Impropias temos a sorte de contar coa visita de Carolina Astudillo para nos presentar o seu propio filme El gran vuelo e máis a opera prima de Alina Marazzi Un'or sola ti vorrei. Por último, acolleremos o talento mozo do país cunha dobre sesión presentada de curtas e mediametraxes galegas: A miña terra, de Santiago D.Risco, e Notas sobre a habitabilidade da Barca, do Colectivo Semente.

Todas as sesión serán gratuítas até completar aforo previa retirada de entrada na nosa web. A reserva de entradas abrirase o xoves 25 de marzo ás 13:00 horas, cun límite de 2 entradas por persoa.

Martes 6 | 20:00
El gran vuelo (Carolina Astudillo, 63'). Presentación a cargo da autora

Mércores 7 | 19:30
Un'ora sola ti vorrei (Alina Marazzi, 55'). Presentación de Carolina Astudillo

Xoves 8 | 17:30
Het Dak Van de Walvis [O teito da balea] (Carolina Astudillo, 90'). Presentación a cargo de Iván Cuevas (Cineclube de Compostela)

Venres 9 | 17:30
A miña terra + Notas sobre a habitabilidade da Barca (Santiago D. Risco + Colectivo Semente, 90'). Presentación a cargo das autoras

Sábado 10 | 17:30
Yezh ar vezh [A lingua da vergoña] (Philippe Durand, 51'). Presentación a cargo de Iván Cuevas (Cineclube de Compostela)