NUMAX

O Cinema NUMAX participa na 13ª edición do Curtocircuíto

Por segundo ano consecutivo o Cinema NUMAX será unha das sedes do Curtocircuíto Festival Internacional de Cine de Santiago de Compostela. Retrospectivas, cartas brancas, aulas de cinema, emisións radiofónicas e mesmo un filme sorpresa son algunhas das actividades que albergará o Cinema NUMAX do 3 ao 10 de outubro.

A participación do Cinema NUMAX na 13ª edición de Curtocircuíto está marcada pola variedade de propostas e formatos, cun programa de sesións que traerá á sala a cineastas de primeiro nivel internacional. A grella de proxeccións concentrarase no período que vai do 5 ao 9 de outubro, con sesións monográficas dedicadas a cineastas emerxentes como a brasileira Ana Vaz ou o portugués Pedro Maia, ao que se suman dúas sesións cun dos grandes nomes do cinema europeo de non ficción, o ucraíno Sergei Loznitsa.  A estes percorridos filmográficos engádense sesións temáticas como Los Canarios, arredor da nova escena cinematográfica canaria, Sex Tapes con curtas arredor da sexualidade e as súas representacións, a Carta Branca de Chema Prado e mesmo un Filme Sorpresa.

Asemade, dous dos cineastas protagonistas desta nova edición de Curtocircuíto protagonizarán a Aula «Os ollos verdes» de NUMAX, unha actividade didáctica que conta coa participación da Concellaría de Acción Cultural de Santiago de Compostela e a Deputación da Coruña. O 3 de outubro tocaralle a quenda á brasileira Ana Vaz e o 10 de outubro, a xeito de epílogo, visitaranos o portugués João Nicolau. Para consultar contidos e medios para vos inscribir nas Aulas podedes premer aquí. Como bonus track, o xoves 6 desde a Libraría NUMAX repetiremos emisión do programa radiofónico El séptimo vicio, de Radio 3, con Javier Tolentino.

Xa podedes mercar entradas para todas as sesións do Curtocircuíto en NUMAX neste enlace. A continuación deixamos o horario con todas as actividades.

LUNS 3 DE OUTUBRO

17:30 — Aula «Os ollos verdes» con Ana Vaz

MÉRCORES 5 DE OUTUBRO

20:00 — Sex Tapes

22:00 — Púlsar 1: Ana Vaz

XOVES 6 DE OUTUBRO

16:30 — Radio en Directo: El Séptimo Vicio

20:00 — Pedro Maia

22:00 — Retrospectiva 3: Sergei Loznitsa

VENRES 7 DE OUTUBRO

20:00 — Carta Branca: Chema Prado

22:00 — Púlsar 2: Ana Vaz

SÁBADO 8 DE OUTUBRO

20:00 — Retrospectiva 5: Sergei Loznitsa

22:00 — Los Canarios 2

DOMINGO 9 DE OUTUBRO

18:30 — Filme sorpresa

LUNS 10 DE OUTUBRO

19:30 — Aula «Os ollos verdes» con João Nicolau