Cinema

Guerra en Ucraína, macrogranxas, talento galego e cinema kurdo no ciclo Os ollos verdes

O mes de abril chega cargado de novidades no ciclo Os ollos verdes, con catro grandes citas que servirán para nos interrogar sobre cuestións clave da nosa historia e presente. Asistindo ás sesións podes acadar 1 crédito ECTS da USC así que non esquezas solicitar e selar a túa tarxeta do ciclo!

Comezamos con Vaca, o filme máis polémico do pasado Festival de Cannes que provocou a marcha de non poucos espectadores da sala de cinema. O motivo? Relatar sen adornos nin censuras a vida cotiá dunha vaca nunha macrogranxa. Andrea Arnold, gañadora en Cannes con Red Road, Fish Tank e American Honey, entra de cheo nun debate que non pode estar de máis actualidade. Pases únicos os días 10 e 11 de abril.

En 2020 a cineasta ucraína Alina Gorlova asinaba Esta chuvia nunca vai cesar, profético e abraiante documental sobre os horrores da guerra que conta a historia real dun voluntario da Cruz Vermella en Ucraína. Gorlova atópase actualmente na Kiev asediada polo exército ruso.

O luns 18 de abril coñeceremos de preto a obra de Judit Adataberna, prestixiosa artista visual que con Inside de Microtubule acadou o Premio NUMAX Exhibición no Festival Intersección da Coruña. Xunto con esta peza a cineasta fará presentación e coloquio dunha escolla do seu cinema.



Para rematar o mes d'Os ollos verdes, o luns 25 temos o pracer de acoller Rewend, a Mostra itinerante de cinema curdo que está a percorrer Europa para dar a coñecer o drama deste pobo a través das creacións da Comuna de Rojava, en Siria. No acto proxectaranse dúas pezas, Shadow of the Kurdish Mountain e Love in the Face of Genocide e contarase co presentación e coloquio a cargo de Azad Avdikê, director do primeiro dos filmes.

E por suposto, continuamos cos nosos focos de cinema clásico e contemporáneo que tamén computan para Os ollos verdes. Durante o mes de abril celebraremos as tres últimas sesións do Foco Agnès Varda, con Jacquot de Nantes (5 de abril), Os espigadores e a espigadora (12 de abril) e As praias de Agnès (19 de abril). Tamén continuamos co foco Nouvelle Vague, as orixes do movemento cunha nova selección de curtas que dan a coñecer o cinema de Jean Rouch, Maurice Pialat, François Reichenbach e Alain Resnais.