Louis Garrel, Wang Bing ou Kelly Reichardt, no reinicio do ciclo «Os ollos verdes» para 2018
O ciclo Os Ollos Verdes. O cinema inédito de NUMAX regresa con forza no arranque de 2018 con títulos fundamentais do cinema de autor internacional que quedaron sen estrear comercialmente en España. Avanzamos a programación que temos preparada para os meses de xaneiro e febreiro.
1 e 2 de xaneiro | Os dous amigos (Les deux amis, Louis Garrel)
Louis Garrel, un dos rostros máis salientábeis do cinema francés contemporáneo e fillo do gran director Philippe Garrel, debuta na realización cunha máis que notábel comedia, un divertidísimo triángulo amoroso interpretado polo propio Garrel, acompañado de Vicent Macaigne e Golshifteh Farahani.
Cannes 2015 (Semaine de la Critique), Lumière 2016 (Nomeado a mellor actor —Vincent Macaigne— e mellor actriz novel —Golshifteh Farahani—)
15 de xaneiro | Ta'ang (Wang Bing)
Un dos grandes documentalistas do cinema contemporáneo, autor da fundamental Al oeste de los raíles (2003) asina unha nova obra mestra na que, coa súa cámara testemuña o duro éxodo do pobo Ta'ang, unha minoría ética que, ante a situación de Guerra Civil, se atopa atrapada na fronteira entre China e Birmania.
Mellor Filme no Festival de Cartagena 2017. Sesión organizada en colaboración con Amnistía Internacional
Estrea 29 de xaneiro | Certain Women: Vidas de muller (Kelly Reichardt)
Cineasta de culto do cinema independente norteamericano, Kelly Reichardt (Old Joy, Meek's Cutoff) tece a historia de catro mulleres dunha vila norteamericana que loitan por se abrir camiño sen demasiado éxito. Cun elenco de luxo, encabezado por Michelle Williams, Kristen Stewart, Laura Dern e Lily Gladstone, atopámonos sen dúbida ante un dos filmes do ano.
Mellor filme en Londres 2016
Estrea 12 de febreiro | Cocote (Nelson Carlo de los Santos)
Armado cunha sobrecolledora fotografía, Cocote achéganos á cara B da República Dominicana. O protagonista, un xardiñeiro convertido en Hamlet heterodoxo, verase envolto nun remuíño cultural, psicolóxico e familiar no que a tradizón, a honra e a brutalidade policial hano arrastrar alén da súa vontade e valores.
Premio NUMAX Muestra de Cine de Lanzarote 2017, Mar del Plata 2017 (Mellor filme latinoamericano ex aequo)
Estrea 26 de febreiro | O camiño soñado (Der traumhafte Weg, Angela Schanelec)
Schanelec, unha das directoras máis arriscadas do cinema alemán contemporáneo, fálanos do desencanto e a fin do amor a partir de dúas historias separadas por 30 anos. En 1984, Kenneth e Theres pasan unhas vacacións en Grecia, onde Kenneth averigua que súa nai tivo un accidente e marcha deixando a Theres. Anos máis tarde, en Berlín, un home que acaba de divorciarse instálase preto de onde vive Kenneth, agora un vagabundo.
Locarno 2016 (Sección Oficial)
1 crédito ECTS da USC
Recorda que «Os ollos verdes. O cinema inédito de NUMAX» conta co recoñecemento da Universidade de Santiago de Compostela, que concederá 1 crédito ECTS de 25 horas a todas aquelas persoas inscritas na actividade que asistan a 12 ou máis proxeccións durante o curso académico entre os meses de outubro e xuño (incluídos) e que elaboren ademais algún contido específico, cunha extensión mínima de 5.000 caracteres, que teña relación con calquera aspecto do programa (un filme ou cineasta en particular, un texto que abranga o programa completo de maneira máis informativa, un texto de creación libre a partir dalgunha referencia extraída do programa, algún achegamento analítico).