Cinema

Gremlins, slapstick e a mellor animación internacional no Petís Nadal de NUMAX

Rematan as aulas, chega o Nadal e en NUMAX non nos esquecemos das petís da casa, cunha programación especial que inclúe un clásico xeracional -Gremlins-, unha obra mestra da comedia silente -O home mosca- e a estrea máis agardada destas datas -Migración. Unha viaxe patas arriba-. Comezamos!

A nosa programación de cinema infantil e xuvenil para estas sinaladas datas arranca esta mesma fin de semana cun clásico que leva corenta anos emocionando a nenos e nenas de todo o mundo. Falamos, por suposto, dos Gremlins, creación de Joe Dante con produción de Steven Spielberg que consegue situarse nun punto intermedio entre o cinema navideño e o filme de terror. As protagonistas son unhas, en principio, entrañables criaturas chamadas mogwai, que un pai merca nunha tenda de antigüidades do barrio chinés de Nova York para o seu fillo. Pero é moi importante seguir tres regras no seu coidado: que non lles dea a luz, non mollalos e, sobre todo, que non coman nada despois da medianoite. O filme será proxectado o sábado 23, domingo 24 e luns 25 de Nadal en versión dobrada. A película está calificada para 12 anos en adiante.

A semana que vén pendurarémonos das agullas dun enorme reloxo canda Harold Lloyd, o gran mestre da comedia física ou slapstick xunto a Buster Keaton e Charles Chaplin. O home mosca é, sen dúbida, a obra mestra de Lloyd, un filme de cheo de incribles e arriscadas acrobacias para o que o actor colle como referencia a Bill Strother, verdadeiro home mosca que ten un papel secundario no filme. A película, que cumpre neste 2023 o seu centenario, terá un primeiro pase o martes 26, dentro do ciclo Cinema + 100, e un segundo na matinal do sábado 30 en Petís NUMAX.

O venres 29 estrearemos con pases diarios durante o Nadal a esperadísima Migración. Unha viaxe patas arriba, última produción da compañía Illumination Entertainment (creadora de Gru, Minions ou Mascotas). O filme presenta a unha familia de parrulos cuxa vida cotiá nunha lagoa de Nova Inglaterra non satisfai as ansias de aventura de mamá Pam. Así, emprenden unha viaxe a Xamaica con escala en Nova York. Unha entrañable comedia de animación para todos os públicos na que a diversión está asegurada.

Para completar a proposta, o martes 26 realizaremos un último pase da emocionante Robot Dreams que tamén se inclúe no ciclo Petís NUMAX.