Cinema

Presentación e coloquio de «Prefiro condenarme» con Margarita Ledo Andión

Estamos moi felices de sermos unha das salas de presentación de Prefiro condenarme, quinta longametraxe da catedrática, escritora, cineasta e socia de NUMAX, Margarita Ledo Andión. A primeira cita será o sábado 23 de novembro ás 19:45h, nun pase que terá presentación e coloquio coa directora e para o que xa podedes reservar praza na nosa web ou en billeteira.

Prefiro condenarme conta a historia de mil caras de Sagrario, mariscadora na ría de Ferrol, atravesada pola ditadura e a transición. O filme enfróntanos a unha nai díscola, unha esfera familiar en perpetuo desacougo e un xuízo por adúltera aos 33 anos, en 1972, a causa da filla que ten co seu amante, un carpinteiro “digno de querer”. Como unha nova Antígona, Sagrario sitúase fóra da regra e coa súa desobediencia reclama a lei aínda non escrita á par que o desexo. No fondo, a igualdade coas de "arriba" que ninguén critica.


(© Foto: Xulio Gil)

Margarita Ledo Andión
Catedrática en Comunicación Audiovisual, escritora, investigadora e cineasta. A súa película Nación (2020) recibiu o Premio a Mellor Dirección de Película Española no Festival de Sevilla 2010 e o Mestre Mateo a Mellor Documental en 2021. Da súa novela Porta Blindada (Edicións Xerais, Vigo, 1990) sae o personaxe masculino d'A cicatriz branca (2012), a súa primeira película de ficción sobre as mulleres que emigraron soas. Autora de Santa liberdade (2004), que narra a acción galego-portuguesa contra as ditaduras de Franco e Salazar, e de Liste, pronunciado Líster (2007). Ledo Andión recibiu o Premio Nacional da Cultura Galega en Cinema e Audiovisual en 2008, o Premio Otero Pedrayo en 2017, o Premio Cineuropa en 2020, o Premio Mulleres en Foco da Deputación de Pontevedra e a asociación CIMA en 2021, o Premio Fernando Rey de AGA en 2022, o Mestre Mateo de honra en 2022 e o Premio Pedigrí do Festival de Cans en 2022. Ademais, os seus filmes Santa liberdade e Nación foron adquiridos recentemente polo Museo Reina Sofía para formar parte da súa colección permanente. Margarita Ledo Andión é tamén unha das socias fundadoras da cooperativa NUMAX.