Libraría

Manuel Darriba presenta o seu novo libro de relatos na Libraría NUMAX

Acompañado de Fran Alonso, editor e escritor, o guionista e escritor Manuel Darriba presenta este xoves 15 ás 20:00 na Libraría NUMAX Elefante, unha nova incursión narrativa do escritor de Sarria.

Elefante é unha escolma de relatos sobre lugares que se resisten á escritura. Textos que cabalgan entre xéneros. Unha reflexión sobre a nosa época, sobre todas as épocas: o poder que esmaga os individuos; a dificultade de entender o mundo.

A crítica dixo sobre a novela:

“No ronsel do mellor Borges (…), nos ecos do Carver máis inquedante” (Armando Requeixo, Diario de Ferrol)

“A xeografía [de Darriba], entre mítica e distópica, constitúe un dos máis orixinais lugares da última literatura galega” (Daniel Salgado, Sermos Galiza).

“Un lector honesto non pode máis que aplaudir. Pola asumida afouteza do autor e polos altos resultados dunha proposta de aspiracións tan estéticas como éticas” (Nicolás Vidal, revista ).

“Un texto límite. Unha narrativa que nos cuestiona a literatura, pero tamén a nós mesmos como sociedade” (Ramón Rozas, El Progreso).

“Un tipo de narrativa impagábel, para o lector e para o sistema literario” (Xosé Manuel Eyré, blog Ferradura en Tránsito).

“Unha obra de altura e esixente cunha marcada orientación simbólica” (Ramón Nicolás, blog Caderno da Crítica).

Manuel Darriba (Sarria, 1973) é guionista e escritor. Autor de novelas como Velada do billarista, Accidental e O bosque é grande e profundo, todas elas traducidas ao castelán. Da súa obra poética destaca Os indios deixaron os verdes prados, premio González Garcés no 2010. Dirixiu varios documentais, foi guionista do magazine Land Róber Tunai Show e escribiu en series como O Faro, Fontealba, Vidago Palace e Serramoura.