Libraría

Rebeca Baceiredo presenta o seu último libro saído do prelo, «Oiko-nomía do xénero»

A filósofa e escritora Rebeca Baceiredo estará na Libraría NUMAX o próximo venres 27 de xaneiro ás 20:00 para presentar Oiko-nomía do xénero. Relato das clausuras, acompañada da escritora Teresa Moure e de Roberto Abuín, de Axóuxere Editora.

Rebeca Baceiredo (Ourense, 1979) é licenciada en Ciencias da Comunicación e doutora en Filosofía pola USC cunha tese sobre Gilles Deleuze. Ademais de ensaios e colaboracións xornalísticas variadas, ten publicado O suxeito posmoderno. Entre a estética e o consumo (Premio Ramón Piñeiro de Ensaio 2005; Editorial Galaxia, 2006), (repeat to fade) (Estaleiro Editora, 2011), A revolución non vai ser televisada (Premio AELG de Ensaio, 2013; Euseino? Editores, 2013), E meterei a miña lei no seu peito (Estaleiro Editores, 2014), Capitalismo e fascismo – Psico-ontoloxía da escravitude (Euseino? Editores, 2015) e O canto da Sibila (Editorial Galaxia, 2016).

Oiko-nomía do xénero. Relato das clausuras é a súa última obra publicada, e nela, seguindo as liñas abertas pola antropoloxía marxista e feminista, repensa as formas da propiedade, a mercadoría e o diñeiro, vinculadas ao papel deses suxeitos subalternos que son, neste caso, as mulleres.

Na contraportada do libro lemos: «A visión que nos presentaron historicamente como verdade única –e que foi usada como criterio socializador–, así como os conceptos empregados na confección do discurso patriarcal son sinxelas proxeccións do actual paradigma interpretativo: a perspectiva patriarcal, edificada como norma hermenéutica, que se impón como prisma para ler a evolución das sociedades e das súas subxectividades interiores.

Rebeca Baceiredo, nunha fina re-interpretación das pegadas históricas, que van desde a Prehistoria ata a vertixinosa contemporaneidade do neoliberalismo, pasando pola Idade Media e por varios sistemas culturais non occidentais, proponnos con unha re-visión e axuste daquel mito explicativo, a partir da análise do xénero como función subalterna e da íntima relación que garda co concepto de propiedade, oiko, e co da súa xestión, nómos.»