NUMAX

Repaso a un fantástico 2023 na cooperativa NUMAX

Ao remate de cada ano gústanos lembrar os principais eventos e encontros que tiveron lugar en NUMAX dos que vós sodes parte imprescindible. 2023 foi un ano cheo de momentos para o recordo, incluída unha festa de aniversario, proxeccións ao aire libre, presentacións, coloquios e moito máis. Velaquí tedes unha pequena viaxe polos últimos 365 días na vida da cooperativa NUMAX.

Durante o 2023 a cooperativa NUMAX cumpriu 8 aniños cunha xornada de portas abertas na que, ademais de tomarmos algo xuntas, puidemos gozar da música en directo de Colapso acompañada de proxeccións en Súper 8, unha sesión DJ con Pídechas o corpo, unha sesión sorpresa do Cineclube de Compostela e un taller tipográfico con Alouette Machine. Anotade nas vosas axendas que ides ter unha nova cita, na primavera de 2024, no noveno aniversario da criatura.

 

Allouete Machine no oitavo aniversario de NUMAX (FOTO: Juan Meseguer)

2023 foi tamén o ano da recuperación definitiva da asistencia á sala de Cinema, superándose o umbral dos 30.000 espectadores/as, habitual antes da pandemia, e mesmo chegando aos 35.000 que o sitúan como un dos anos máis positivos desde a apertura da sala. Durante estes doce meses proxectáronse máis de 250 filmes en versión orixinal, dos cales os máis exitosos en termos de asistencia foron Matria (Álvaro Gago), O corno (Jaione Cambora) e O rapaz e a garza (Hayao Miyazaki). Un dos busques insignia da cooperativa, NUMAX na Escola, acolleu a visita de máis de 4.200 alumnos/as, converténdose no mellor ano desde o inicio da actividade.

Desde o mes de xaneiro, o Cinema converteuse nun lugar de encontro entre público e cineastas, con presentacións e coloquios a cargo de directores/as (Lois Patiño, Jaione Camborda, Álvaro Gago, Carla Subirana, Susana de Sousa Dias, David Varela, Carlos A. Quirós, Xavier Villaverde, Helena Wittmann, Margarita Ledo, Nico Campos, Anzos Fazáns ou Jon Jost), profesionais da produción (Gaspar Broullón, Chelo Loureiro), interpretación (Diego Anido, María Vázquez, Susana Sampedro, Melania Cruz, Paula Chaves), dirección de arte (Elia Robles Castrillo), dirección de fotografía (Juan Meseguer, Alberte Branco) ou música (Raül Refree). Tamén convidamos voces expertas en diferentes filmografías e cineastas para presentar ciclos e retrospectivas: Iván Villarmea, Iván García Ambruñeiras, Martín Paradelo, Marta Pérez Pereiro, Ismael Ramos, Javier Trigales ou Pedro Jorge Romero.

Un ano máis, consolidamos a colaboración cos principais certames e axentes culturais da cidade, sendo sede de festivais como Cineuropa, Curtocircuíto, a MICE do Museo do Pobo Galego, o WOS Festival ou o ciclo De Lugares e Órganos. Este ano, ademais, celebramos a segunda edición do Blow Up. A música no Cinema, dentro do Outono Códax Festival, e colaboramos por vez primeira co Holanola Fest. Dentro do encontro A cor das palabras, que realizamos co Concello de Santiago, celebramos 5 aulas nas que coñecemos os procesos creativos de Pablo Marín, Álvaro Gago, Jon Jost, Jaione Camborda e a parella de cineastas portugueses Susana de Sousa Dias e Ansgar Schaefer. No último treito do exercicio completamos o subtitulado ao galego de tres filmes co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística e o traballo de Traduzebra: Anatomía dunha caída, Fallen Leaves e O libro das solucións.


No tocante á programación da sala, á par de estrear os títulos máis importantes da tempada no cinema independente, continuamos a desenvolver o noso programa para nenos e nenas Petís NUMAX, cunha proposta especial de anime no verán; Os ollos verdes, destinado á comunidade universitaria; e inauguramos Cinema + 100, no que proxectamos filmes que cumpren agora o seu centenario. Por suposto, os martes continúan a pertencer ao cinema clásico, con ciclos e retrospectivas de cineastas como Paulo Rocha, Chantal Akerman, Xhanfise Keko, Kinuyo Tanaka, Víctor Erice, Orson Welles, Jon Jost, Yasujiro Ozu e, no verán, Alfred Hitchcock (e discípulos). Precisamente no tempo estival, celebramos dúas proxeccións ao aire libre no último treito de Concepción Arenal en colaboración con Mr. Misto Cinema na Rúa. As obras foron A noite do cazador, de Charles Laughton, e Chamámonos todos Alí, de R. W. Fassbinder.

 

Proxeccións ao aire libre con Mr. Misto Cinema na Rúa (5 e 6 de xullo de 2023)

Neste 2023 visitaron a Libraría NUMAX para presentar os seus libros autores e autoras como Antonio Rosa e Alba Cantalapiedra; Cristina Miranda; Ildefonso Rodríguez; Alfonso Pexegueiro; Soledad Puértolas e Elena Cianca; Luz Campello; Ismael Ramos; Manolo González; Carlos Meixide; Luísa Castro; Jazmín Beirak; Ángel Arcay; Javirroyo; Club Espeleolóxico Galego capitaneado por Xavier Groba e Alba Cid; Teresa Moure; Branca Novoneyra; Bibiana Collado; Antón Lopo; Marta Sanz; Miren Amuriza, Uxue Alberdi e Eli Ríos; Chefa Alonso; Carlos Catena; Carmen Villar; Juan Carlos Galindo; Yamila Transtenvot, Greta García; Christo Casas; Marco Armiero; Aitor Romero; Antón Blanco e Oriana Méndez; Samuel Merino e Branca Trigo; e Nuria Díaz, entre outras persoas. Tamén acollemos a presentación de proxectos como a baralla artística «O Ghaiteiro Petroleiro» desenvolta pola Asociación Unha gran burla negra xunto ao investigador e director de actividades públicas do Museo Reina Sofía, Germán Labrador.

 

Ademais organizamos a actividade Veladas analóxicas, un ciclo de conversas comisariadas pola poeta Alicia Fernández, que trouxo a NUMAX a catro parellas de persoas que non se coñecían entre elas pero que eran admiradas que falaron sobre temas tan diversos como o engano, a preguiza, a investigación e a ciencia, a educación e a pedagoxía. Nela participaron a cineasta Elena Duque e a poeta Xiana Arias; o escritor asturiano Xuan Bello e o docente e poeta Eduard Velasco; o científico e investigador Ángel Carracedo xunto á escritora Lara Dopazo Ruibal; e o cantautor murciano Marcelo Criminal xunto ao poeta Jesús Castro Yáñez.

 

Un ano máis continuamos co noso Club de Lectura que conduciron Carlos Valdés e Celia Recarey da editorial Irmás Cartoné e que contou con dous bloques temáticos nos que as participantes leron libros arredor da amizade e a literatura de viaxes. Foi tamén moi emocionante vivir en NUMAX as datas que celebran o libro e a lectura: o 23 de abril, Día do libro, foi unha xornada moi especial e de moita afluencia de público; nese día tamén recibimos o premio honorífico Follas Novas 2023 que outorga a Asociación Galega de Editoras, a Asociación de Escritores en Lingua Galega e a Federación de Librarías de Galicia, nun acto que tivo lugar no Teatro Principal de Santiago de Compostela. O día das Letras Galegas contamos coa sinaturas de Nee Barros, Eduard Velasco, Antía Otero e Lupe Gómez; e por último, na Feira do Libro de Compostela tivemos o noso posto un ano máis cunha actividade que celebrou a escrita de Anne Carson.
 

Bibiana Collado e Ismael Ramos na presentación de «Yeguas exhaustas»


Durante 2023 na área de Gráfica do Laboratorio NUMAX desenvolvemos a imaxe gráfica e a nova plataforma web para Galicia Escena PRO, a feira anual das artes escénicas galegas promovida pola Agadic. Tamén puxemos en marcha a web sobre Marcial del Adalid, pianista e compositor galego do século XIX, impulsada pola Real Academia Galega. Tivemos a sorte de poder crear un ano máis a imaxe para o Día do Cooperativismo e tamén de redeseñar a identidade corporativa da cooperativa MAOS. E o Festival Sinsal volveu deixar nas nosas mans toda a súa gráfica e aplicacións dixitais. Desde este ano somos axentes dixitalizadores dentro do programa Kit Digital de Red.es, a través do que se desenvolveron diversas webs como as da consultora Azvai ou as produtoras Amateur Films, Martela Films e Coven Films, entre outras, para as que tamén fixemos traballos de identidade corporativa.

 

Pola súa banda, a nosa área de vídeo continúa a traballar en moitos dos filmes que logo van chegando á nosa sala, tanto desde a montaxe como nos procesos de posprodución de imaxe e masterización que requiren as copias de exhibición. Ao longo deste 2023, por caso, encargámonos das montaxes de La marsellesa de los borrachos (Pablo Gil, 2024) ou La guitarra flamenca de Yerai Cortés, primeiro filme de Antón Álvarez, así como da premontaxe de Una ballena (Pablo Hernando, 2024). Realizamos tamén, entre outros, a etalonaxe de La Parra, último filme do ferrolán Alberto Gracia (e con estrea internacional xa anunciada no vindeiro Festival de Rotterdam), Salvaxe, salvaxe (Emilio Fonseca, 2024) ou a remasterización dixital de catro filmes do coruñés José Ernesto Díaz Noriega, en colaboración coa Filmoteca de Galicia e a Elías Querejeta Zine Eskola.