Retrospectiva integral Jack Chambers
O vindeiro luns 15 de xuño recala en NUMAX o ciclo itinerante dedicado á figura de Jack Chambers que están a promover CRATER-LAB e LUMIÈRE en colaboración con Lauren Howes, directora do Canadian Filmmakers Distribution Centre. Trátase dunha retrospectiva integral da súa obra con copias en 16mm. recentemente restauradas. Será o noso primeiro evento fóra da programación regular, con dous únicos pases que recollen a longametraxe e as catro curtas do cineasta canadiano.
Os seus filmes, recentemente restaurados en 16mm, Mosaic (1966), Hybrid (1967), R-34 (1967) y Circle (1969), así como a maxistral longametraxe The Hart of London (1970) forman o programa completo comisariado por Lauren Howes, directora do Canadian Filmmakers Distribution Centre, que viaxará por distintas cidades de España presentando persoalmente cada sesión. Barcelona, Madrid, Santiago de Compostela e Xixón acollerán este ciclo itinerante único: a Retrospectiva Integral de Jack Chambers. Todas as proxeccións realizaranse en 16mm e serán presentadas por Lauren Howes.
«O feito é que os catro filmes de Jack Chambers mudaron toda a historia do cinema, malia o seu descoido, dun xeito que nin sequera sería posíbel no campo da pintura. Non hai 'mestres' do filme nun sentido significativo, calquera que fose. Só hai 'creadores' no sentido orixinal, ou polo menos medieval, da palabra. Jack Chambers é un verdadeiro 'creador' de filmes. El non precisa de ningunha postura, ou posición, para asistir ao xurdimento dalgo claramente NOVO» (Stan Brakhage).
Sesión 1. Curtas (luns 15 de xuño ás 18:00)
Mosaic / Mosaico
Canadá | 1965 | 9’ | 16mm | BeN | Son«Foi no verán de 1964 cando fixen o meu primeiro filme, Mosaic. Rodei literalmente millas de película porque tamén estaba aprendendo a empregar a cámara. Finalmente o filme durou 9 minutos.» (Jack Chambers).
Hybrid / Híbrido
Canadá | 1966 | 15’ | 16mm | Cor | Muda«A guerra do Vietnam foi moi triste para min: non estaba de acordo coa presenza de Estados Unidos en Vietnam. Pensei que un filme que mostrara algúns dos aspectos tráxicos da guerra serviría como unha ferramenta útil para recadar fondos» (Jack Chambers).
R-34
Canadá |1967 | 26’ | 16mm | Cor | Son«Non lembro moito da rodaxe de R34 salvo que me decatei de que Jack nos estaba a filmar a min e mais á miña muller, Sheila, e que editaba esas imaxes para convertelas en algo propio. O proceso non foi invasivo, como adoita acontecer. R34 era o nome do primeiro aeroplano que cruzou o Atlántico sen parar. Eu xa o metera na pintura que se ve no filme (parte do mural encargado polo Aeroporto Dorval de Montreal)». (Greg Curnoe)
Circle / Círculo
Canadá | 1969 | 28’ | 16mm | Cor | Son«Algo pode ser tan familiar que o vexo como se fose a primeira vez. Ou, tal vez, se un non dá visto especialmente aquilo que lle é máis familiar, daquela cólleo e moldéao unha e outra vez coa esperanza de revelalo». (Jack Chambers)
Sesion 2. Longametraxe (luns 15 de xuño ás 20:00)
The Hart of London
Canadá | 1965 | 80’ | 16mm | BeN-Cor | Son«O extraordinario de The Hart of London é a capacidade de Jack Chambers para combinar fontes xuntando a calidade profesional estándar dos noticiarios con secuencias de filmacións caseiras, mal iluminadas e trémulas, cos seus ritmos torpes e a súa composición única. A maneira experta e intrincada en que se alternan estas imaxes é típica do traballo de Jack Chambers, da súa misión de coñecerse a si mesmo coma humano, nin máis nin menos; non un dios, e dese xeito só como un momento dentro dun ciclo. A súa aceptación deste feito forma a súa percepción dos distintos elementos do filme e permítelle moverse alén do estátus dun simple diario filmado cara ao reino da reconciliación». (Yann Beauvais, traducido ao inglés por Jo-Anne Elder-Gomes, fragmento de The Films of Jack Chambers, editado por Kathryn Elder, 2002, p. 193)