Libraría

Afinidades Electivas: Encontro literario con Oriana Méndez e Ruth Llana

A Libraría NUMAX acolle o próximo xoves 1 de xullo ás 19:30h un encontro literario coas poetas Oriana Méndez e Ruth Llana, dúas importantes voces da poesía galega e asturiana. Esta actividade realizase dentro do marco do programa de animación lectora Afinidades Electivas. Encontros literarios en Librarías.

Ruth Llana e Oriana Méndez comparten a aposta por abrir a linguaxe nos seus poemas, buscando formas de expresión pouco transitadas e chegando a textos que son fermosos e estraños. Combinan o traballo coas emocións e a exploración das súas contradicións internas, de maneira que conseguen ser escritoras pensativas e axitadoras ao mesmo tempo. O encontro entre as dúas no marco de Afinidades Electivas permitirá poñer en relación os seus universos persoais e os seus métodos de traballo.

O programa Afinidades Electivas está promovido pola Dirección Xeral do Libro e Fomento da Lectura, a través da Subdirección Xeral de Promoción do Libro, a Lectura e as Letras Españolas. Para asistir ao encontro é preciso reservar praza no correo [email protected], debido ao aforo limitado da Libraría. Se quedas sen praza, recorda que o evento será retransmitido en directo a través das nosas redes sociais de Facebook e Instagram Live.

Oriana Méndez (Vigo, 1984) ten publicados os poemarios Derradeiras conversas co capitán Kraft (Galaxia, 2007), Cero (Galaxia, 2011), O que precede a caída é branco (XVII Premio de poesía do Concello de Carral, Espiral Maior, 2015), O corazón pronúnciase extenso (V Premio de Poesía Rosalía de Castro do Concello de Padrón, 2019) e INTERNA, libro co que gañou o XVIII Premio de Poesía Afundación en 2020. Viu publicados algúns dos seus poemas, así como outras colaboracións, en revistas de ámbito nacional e internacional coma Dorna, Nayagua ou o Waxwing Literary Journal. Tamén traduciu O Amante, de Marguerite Duras (Kalandraka, 2020) e segue afondando no labor da tradución literaria dende o francés á lingua galega.

Ruth Llana (Pola de Siero, 1990) é autora de tiembla (Premio «Federico García Lorca», Point de Lunettes, 2014); estructuras (Ejemplar Único, 2015), cuaderno pictórico realizado en colaboración co artista plástico Gabriel Viñals; e umbral (Malasangre, 2017). Traduciu ao castelán Me encantan los artistas (Kriller71, 2019) da poeta sinoestadounidense Mei-mei Berssenbrugge e ao inglés xunto a Jesse Lee Kercheval o caderno poético Para las focas/For the Seals (Toad Press, 2019) do uruguaio Juan Manuel Sánchez. Actualmente colabora como columnista no suplemento de cultura do xornal La Nueva España e finaliza o seu doutorado na Universidad de Wisconsin-Madison, Estados Unidos. La primavera del saguaro (Ultramarinos, 2021) é o seu último libro.