Libraría

A Libraría NUMAX acolle a presentación dos poemarios de Silvia Penas e Samuel Merino

A Libraría NUMAX acollerá o mércores 30 de marzo ás 20:30h a presentación de «O resto é céu» de Silvia Penas e «Guantanamera (Poema nun só acto)» de Samuel Merino, ambos poemarios editados por Urutau.

As poetas Silvia Penas e Samuel Merino presentarán o mércores 30 de marzo ás 20:30h os seus respectivos poemarios: O resto é céu e Guantanamera. Poema nun só acto, editados por Urutau. As dúas voces poéticas teñen moito en común pois ambas acostuman moverse entre a poesía escénica e o teatro e xogan coa incorporación da palabra poética ao corpo a través da voz. En Guantanamera Samuel Merino bota man da escrita por non poder dar conta do acontecemento, da vivencia, da pulsión dos corpos vivos, precarios, inseguros, loitando contra a hostilidade do mundo. E Silvia Penas en O resto é céu comeza o poemario cunha voz que se camufla, se dilúe e desaparece para deixarlle paso a outras voces e a outros corpos. 

Para asistir ao acto é preciso reservar praza no correo [email protected]. Ademais o acto será retransmitido a través das nosas redes sociais en Facebook e Instagram Live (@numaxcoop).

Samuel Merino. Nado en Mos (Pontevedra) é licenciado en Filosofía pola Universidade de Santiago de Compostela e con formación en artes escénicas. Foi socio da Compañía Teatral Xerpo (O Porriño – Pontevedra) entre 2012 e 2016 e traballou durante longos períodos na Sala Ingrávida. En 2019 publicou o seu primeiro poema en castelán Enésmima Patada con Amor presentado, ademais de en diferentes cidades de Galicia, na Sala de Teatro El Umbral de Primavera (Madrid) e no Museo Pompidou de Málaga dentro da décima edición do International Festival de Poesía Irreconciliables. Su libro de poemas Trementina foi publicado pola Editorial Talón de Aquiles. Guantanamera. Poema nun só acto é o seu terceiro libro. 

Silvia Penas. Poeta, performer e creadora. En 2009 publica Biografía da multitude en coautoría con Elvira Riveiro Tobío, poema gañador do premio de poesía Victorano Taibo nese mesmo ano. En 2013 gañou o I Certame Lueiro Rey de Poesía con As uñas crecen, libro publicado en 2014. En decembro de 2015 publicou Diario de ladras, dancers, asasinas e flores, premio Avelina Valladares. Participou na creación da obra teatral Sofía e nos postos da Compañía Inversa Teatro, onde tamén se inclúen algúns textos da súa autoría. É co-creadora do músico Jesús Andrés Tejada do proxecto de poesía escénica Cintaadhesiva.