Sara Guerrero presenta «Eu son o monte» na Libraría NUMAX
![](https://numax.org/storage/cache/images/aa7/1739031362-750_a783428d-unnassmed.jpg)
A Libraría NUMAX acolle a presentación de Eu son o monte (Euseino?) de Sara Guerrero o xoves 27 de febreiro ás 19:30h. A autora estará acompañada do escritor Carlos Negro e de Iria Otero Varela, filósofa e padroeira da Fundación Euseino?. A entrada é libre ata completar aforo.
En aparencia, o monte non é completamente hostil, non é unha selva. Nel asexa un tipo de vida que, sendo parcialmente allea, tamén nos é propia. O monte seméntano, cóidano e chapódano os seres humanos.
Sara Guerrero conta neste libro, ao tempo familiar e inhóspito, a chegada dunha parella a unha aldea galega. Regresan á casa semiabandonada dos devanceiros, forman parte dos que logo de xeracións volven de América. ¿Que os agarda? ¿Como afastar a desconfianza dos veciños e anoar outra vez vencellos? ¿É posible sobrevivir sen traballo nin recursos?
Cun xeito de narrar directo e xenuíno, sen esquivar verdades, a autora acada os matices delicados da proximidade mais tamén os desa aspereza que asoma por tras da literatura de cerna, a da xente inerme, sen coiraza, aberta ao mundo.
Velaquí un libro que raña coma as silvas e tamén é doce coma as amoras, unha narración ás veces estremecedora, ás veces balsámica. O relato dunha muller que noutro país —no noso país— consegue atopar tamén o seu.
Sara Guerrero (Cidade de México, 1994) cursou estudos no Centro Universitario de Teatro da Universidade Nacional Autónoma de México, no Institut del Teatre de Barcelona e na Universidade da Coruña. Ademais de xornalista e crítica literaria, coa súa obra dramática Raigame participou en 2021 no Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, sendo merecedora do Premio á Mellor Interpretación. No ano 2022, obtivo unha axuda á creación do INJUVE cun proxecto de investigación sobre a literatura escrita por mulleres migrantes no Estado español. Na actualidade, traballa na Fundació Surt de Barcelona.
- Hoxe
- Ver máis
-
-
The Brutalist
VOSE
-
-
-
María Callas
VOSE