Libraría

As poetas Luz Pichel e María Salgado dialogarán sobre as súas últimas obras na actividade da Libraría NUMAX para a SELIC

A Libraría NUMAX sae á rúa do 13 ao 17 de xuño para participar na Semana do Libro de Compostela (SELIC) que nesta ocasión se celebrará na Praza do Toural. Ademais, somos as organizadoras do diálogo poético entre as poetas Luz Pichel e María Salgado, no que ambas autoras falarán sobre os seus últimos traballos, obras de forte contido persoal nas que exploran a identidade e os límites da linguaxe. Será o luns 13 de xuño ás 18:30 da tarde no Toural. 

Volve a SELIC, un espazo que reúne os principais axentes do libro da cidade de Santiago de Compostela. Agardámoste no posto número 18 na Praza do Toural do 13 ao 17 de xuño de 16h a 21.30h. Na nosa mesa atoparás unha selección representativa da nosa libraría, cunha escolla de fondo e novidades feita con moito agarimo. 

Ademais, nesta edición, coorganizamos unha actividade que terá lugar o luns 13 de xuño ás 18:30h, un diálogo poético entre as poetas Luz Pichel e María Salgado no que ambas autoras falarán sobre os seus últimos traballos, Alén alén e Salitre (editadas por La Uña Rota Editorial). Obras de forte contido persoal nas que exploran a identidade e os límites da linguaxe. O acceso es gratuíto até completar aforo. 

María Salgado (Madrid, 1984) é poeta, docente e investigadora. Traballa coa linguaxe como material de textos, audiotextos e performances. Recibiu o doutoramento en Teoría da Literatura e Literatura Comparada na Universidade Autónoma de Madrid cunha tese sobre poéticas orientadas á linguaxe en España dende 1964. Publicou cinco libros de poesía, entre eles, ready (Arrebato, 2012), Hacía un ruido. Frases para un film político (Contrabando, 2016) e Salitre (Segovia: La uÑa RoTa, 2019). Dende o ano 2012 traballa co compositor Fran MM Cabeza de Vaca. 

Luz Pichel (Alén, Lalín, Pontevedra, 1947) alterna a súa residencia habitual en Madrid, onde vive desde 1970, con pequenas temporadas de descanso na súa aldea de Alén. Filóloga, catedrática de Lengua e Literatura española e poeta. É autora dos libros El pájaro mudo (Ediciones La Palma, 1990; I Premio de poesía “Ciudad de Santa Cruz de la Palma”); La marca de los potros (Diputación de Huelva, 2004; XXIV Premio hispanoamericano de poesía Juan Ramón Jiménez); Casa Pechada (Fundación Caixa Galicia, 2006, XXVI Premio Esquío de Poesía); El pájaro mudo y otros poemas (2004); Cativa en su lughar/casa pechada (Progresele, 2013), tra(n)shumancias (La Palma, 2015); CO CO CO U (La uÑa RoTa, 2017), Din din don y más Hortensias azuis (Cartonera del escorpión azul, 2021) e ALÉN ALÉN (La uÑa RoTa, 2022).

Podes consultar o resto da programación da SELIC neste enlace.