Libraría

As causas da desprotección do patrimonio industrial galego, última conversa do ciclo «Fóra dos Museos» na Libraría NUMAX

Pranchas de folla-lata serigrafadas para a construción dos envases de conservas Massó, 1940 [ca.]. Museo Massó, Bueu. Foto: Alba Vázquez Carpentier.

O pequeno espazo expositivo de Fóra dos Museos resgardará ata mediados de novembro a matriz litográfica coa que se estampaban as latas de conservas da fábrica de Massó. Esta delicada peza é unha escusa para falar da falta de atención que recibe o patrimonio industrial galego no noso sistema museístico. O próximo martes 9 de outubro ás 20:00 teremos connosco á directora do Museo Massó, Covadonga López de Prado Nistal, acompañada de Sabela L. Pato, comisaria da actividade. E é que queremos saber «Que pasa co noso patrimonio industrial?»

A historiografía, con frecuencia, nomea os períodos que delimita en función dos cambios tecnolóxicos. Con todo, as manifestacións derivadas da Revolución Industrial dificilmente acadan o recoñecemento de patrimonio. Por que non calla en Galicia a protección deste tipo de bens? A súa defensa deu lugar en diferentes ocasións a movementos cívicos, é o caso dos creados ao redor da factoría Massó e, máis recentemente, da Panificadora de Vigo. A causa non é a falta de interese social. Outra asunto é a resposta da Administración e das elites culturais e económicas.

No marco das relacións capitalistas o Estado concibiu a poboación galega como forza de traballo exportable. A proletarización dos galegos e das galegas produciuse, en gran medida, no exterior. Porén, a nosa memoria fabril en América, País Vasco, Alemaña, etc. non tivo nunca consideración identitaria. A experiencia vivida na diáspora substituíuse por unha imaxe folclorizante e idealizada de Galicia. Ademais, o peso do mundo labrego nos discursos que dominaron, e aínda dominan, o noso imaxinario con frecuencia bloquearon outro tipo de marcadores, como os de clase e xénero.

A peza que se exporá desde o martes 9 na Libraría NUMAX é unha matriz litográfica: con ela estampábanse as latas de conservas da factoría Massó. A etiquetaxe e embalaxe das mercadorías converteuse nun asunto de gran transcendencia no marco da produción industrial.

O sector metalográfico, dedicado precisamente ao litografado e á construción de envases, asociase ao proceso de mecanización que a partir de 1900 permitiu substituír a pericia dos soldadores de lata, con gran poder de negociación colectiva, por man de obra non cualificada e menos conflitiva.

Mesa de limpeza do peixe da antiga fábrica conserveira Massó Hermanos S.A. de Bueu, 1924. Museo Massó, Bueu.

As mulleres incorporáronse así masivamente ás liñas de produción. Pero a dinámica non foi exclusiva desta rama. Noutros ámbitos, como no da transformación do peixe, era xa habitual. E na Tabacalera da Coruña contábase, sobre todo, con man de obra feminina. En xeral, a imaxe do obreiro-home non se axusta á realidade galega. Incide tamén este factor na falta de atención que recibe o patrimonio industrial galego?

Descarga AQUÍ a folla de sala.