Cinema

O WOS Festival X Son Estrella Galicia vívese en NUMAX

Un ano máis, chega á nosa pantalla un dos eventos máis relevantes do panorama cultural compostelán: o WOS Festival X Son Estrella Galicia. Nesta nova edición, o certame contará con dúas suxestivas propostas que se celebrarán no Cinema NUMAX o sábado 16 (Expedition Content) e o domingo 17 (CAN and Me). Xa se pode reservar butaca para ambas sesións!

Sabado 16 de setembro | 16:00h
Expedition Content (Ernst Karel, Veronika Kusumaryati, 2020, 78 min, VOSE)

En 1965, o cineasta Robert Gardner realizou Dead Birds, mítico documental antropolóxico no que rexistraba distintos rituais do pobo Hubula, en Papúa Nova Guinea. Nesa expedición, Michael Rockefeller, neto do magnate petroleiro John D. Rockefeller, gravou sons e imaxes que Ernst Karel e Veronika Kusumaryati rescatan para compor unha experiencia radical. O visual suspéndese ante as paisaxes sonoras rexistradas por Rockefeller, situándonos no seu punto de vista como suxeito colonizador e ser humano. O filme está producido no seo do influente Sensory Ethnography Lab da Universidade de Harvard.

Domingo 17 de setembro | 16:00h
CAN and Me (Tessa Knapp, Michael P. Aust, 2022, 90 min, VOSE)

Retrato íntimo e poético de Irmin Schmidt, fundador de CAN, un dos grupos cruciais e máis influentes do movemento krautrock xurdido na Alemaña de finais dos 60. Un calidoscopio de concertos e de ducias de filmes e óperas para as que fixo a música envolve unha entrevista sobre como se reinventou incontables veces e as súas experiencias co academicismo clásico, con Stockhausen e Ligeti, coas drogas e o minimalismo de NY, co pasado nazi de seu pai ou coa súa paixón polo cinema e a electrónica de clube. Estrea en Galicia.