Libraría

O crítico musical Xavier Valiño presenta o libro «Los 100 mejores documentales del Rock» na Libraría NUMAX

A libraría NUMAX acollerá o sábado 5 de novembro ás 19:00h a presentación do libro Los 100 mejores documentales del Rock do xornalista e crítico musical Xavier Valiño e editado por Efe Eme. Este evento forma parte do ciclo Blow Up. A música no cinema, unha das actividades paralelas do Outono Códax Festival 2022.

O próximo sábado 5 de novembro acollemos dentro da programación de NUMAX o ciclo Blow Up. A música no cinema. Dentro desta xornada, o xornalista e crítico musical Xavier Valiño presentará na libraría o libro Los 100 mejores documentales del Rock, gañador do premio POP EYE 2022. Desde o nacemento do rock and roll, o cine sempre estivo ao seu lado, documentando o que se movía ao seu redor. Tras realizar un primeiro libro que recollía as 100 mellores películas do rock (de ficción), Xavier Valiño prestalle atención aos 100 documentais (e series televisivas) máis esenciais, uns cantos coñecidos e outros por descubrir, entendendo o concepto de rock nun senitdo amplo. 

Durante esta xornada, o cinema NUMAX acollerá as proxeccións da película Blow Up (Michelangelo Antonioni); o documental The Punk Singer (Sini Anderson) sobre a integrante de Bikini Kill, Kathleen Hanna; o documental Charles Bradley: soul of America (Poull Brien); e o documental Songs for Drella (Edward Lachman) onde Lou Reed e John Cale homenaxean a Andy Warhol. 

Xavier Valiño é arqueólogo musical, ávido lector e viaxeiro empedernido, empezou facendo radio cando os compoñentes de Golpes Bajos daban os seus primeiros pasos na música e publicou o seu primeiro fanzine comentando o debut do grupo na Rock-Ola madrileño. Desde entón colaborou en televisión, publicou en diversos diarios e revistas («Efe Eme», «Roteiro 66», «Mondo Sonoro», «Zona de Obras», «Cadernos Efe Eme») e mantén webs como Ultrasonica.info ou Similarrock.com. Ademais de ser coautor de Political world, escribiu outros sete libros: Rock bravú, El gran circo del rock: Anécdotas, curiosidades y falsos mitos, Retratos pop. Conversaciones con…, A censura na produción fonográfica, Veneno en dosis camufladas. La censura en los discos de pop-rock en el franquismo, Elvis Costello, el hombre que pudo reinar, La cara oculta de la luna. Las 50 portadas esenciales del rock Golpes Bajos. Escenas olvidadas. la historia oral de Golpes Bajos.