Cinema

Arranca o ciclo «10/10. As espectadoras presentan»

A nosa programación do mes de xullo inclúe un ciclo moi especial. Dentro da celebración do décimo aniversario da cooperativa, convidamos as 10 espectadoras e espectadores máis habituais de NUMAX a que programen e presenten cadanseu filme de cabeceira. O resultado é 10/10. As espectadoras presentan, un ciclo cheo de obras mestras de todas as épocas e estilos. Xa se poden reservar entradas para a primeira semana!

Temos moita sorte coas nosas espectadoras! Neste mes de xullo quixemos abrir a nosa programación a aquelas persoas que habitualmente sentades nas butacas vermellas do cinema. Así nace 10/10. As espectadoras presentan, un ciclo de 10 películas programadas polas 10 espectadoras e espectadores máis habituais da sala, que terá proxeccións de luns a xoves durante todo o mes.

O programa resultante tamén merece un 10, con grandes películas de todas as épocas e nacionalidades. Arrancaremos cun dos cumios da etapa dourada do cinema xaponés, os Contos da lúa pálida, de Kenji Mizoguchi, compartindo semana cun título clave na historia do cinema de esquerdas como é O sal da terra, de Herbert J. Biberman.

Continuaremos co cinema de conciencia social de Ken Loach e o seu Chovendo pedras e, sen saírmos das Illas Británicas, viaxamos aos anos 40 da man da xenial parella creativa formada por Michael Powell e Emeric Pressburger con Sei a onde vou! A mediados de mes proxectaremos a obra fundacional do cinema-veritéCrónica dun verán, de Jean Rouch, xunto con Mommy, de Xavier Dolan, un dos talentos máis precoces do cinema contemporáneo.

Xa na recta final do mes recuperaremos a nosa querida Agnès Varda en Sen teito nin lei, protagonizada pola marabillosa Sandrine Bonnaire, e teremos a honra de proxectar, por vez primeira na historia da sala, o gran Luis Buñuel e a súa obra mestra neorrealista Los olvidados. Completamos o ciclo con dúas películas de fondo calado político, O gatopardo, de Luchino Visconti, e a screwball comedy sobre a loita de clases de Gregory La Cava, Ao servizo das damas.

Datas, filmes e programadoras