Pioneiras#04: Mary Ellen Bute

  • Repertorio
  • HD
  • VO
Presenta Alberte Pagán

Pioneiras#04: Mary Ellen Bute

A cuarta entrega do ciclo "Pioneiras" proxecta unha escolma de curtas de Mary Ellen Bute (1906-1983), a primeira muller en crear animación abstracta nos EEUU e a primeira persoa que empregou un instrumento electrónico para crear imaxes cinematográficas. A sesión será conducida polo cineasta experimental galego Alberte Pagán. As pezas a proxectar serán:

Rhythm in Light
Mary Ellen Bute / Ted Nemeth | 1935 | 5'
Bute aproveitou a experiencia de Webber Melville realizando maquetas de cartón a través de prismas para producir múltiples refraccións e reflexos. Ademais, empregou celofán, bolas de ping-pong, bengalas, batedoras e pulseiras para crear unha obra que, se ben roza a abstracción, non deixa atrás por completo o mundo obxectivo. (R. Bruce Elder)

Dada
Mary Ellen Bute / Ted Nemeth / Melville Webber | 1936 | 1'
Unha das películas abstractas máis alegres de Mary Ellen Bute, Dada estaba pensada para formar parte dunha sección de Universal Newsreel, mostrando a Bute e o seu compañeiro Ted Nemeth traballando no seu diminuto estudio neoyorquino. (Cecile Starr)

Synchromy No. 2
Mary Ellen Bute / Ted Nemeth | 1936 | 5'
Mentres que os cineastas alemáns recurrían decote a J. S. Bach para a súa comprensión da forma, Bute derivaba a súa do matemático Joseph Schillinger, como mostra a serie "Synchromy". As imaxes son reflexos e refraccións da luz mediante coadores de vidro. A música é "A estrela vespertina" de Wagner, estando representada a estrela por unha estatua de Venus. (R. Bruce Elder).

Escape
Mary Ellen Bute | 1937 | 4'
Baseada nos cálculos matemáticos propostos por Josep Shillinger meticulosamente debuxados por Ellen Bute en celas animadas, Escape converte a Toccata de Johann Sebastian Bach nunha serie de formas de luz pulsadas. Emerxe a historia dun triángulo atrapado tras unhas sorprendentes liñas negras.

Parábola
Mary Ellen Bute / Ted Nemeth / Bill Nemeth / Rutherford Boyd | 1937 | 8'
Os rótulos presentan o filme como a poesía da natureza en movemento: a traxectoria de cada esférico, o chorro da fonte ou unha estrela fugaz. As creacións do escultor Rutherford Boyd aparecen fotograma a fotograma baixo unha iluminación controlada. Obxectos curvos aboian, aparecen imaxes especulares. Esculturas de papel sepáranse en seccións parabólicas. As abstraccións de cunchas e abanicos, precursoras da ópera de Sidney e do edificio Chrysler. Sombras, superficies sen iluminación e outras que xiran cara á luz súmanse ás variacións. A música é "La creation dun monde" de Darius Mihlaud.

Spook Sport
Mary Ellen Bute / Norman McLaren / Ted Nemeth | 1940 | 8'
É medianoite no xardín. Os personaxes son pantasmas, morcegos, campás e, ao final, o sol.

Tarantella
Mary Ellen Bute / Ted Nemeth | 1940 | 4'
Este novo medio de expresión é o Filme Absoluto. Nel a artista crea un mundo de cor, forma, movemento e son onde os elementos flutúan de forma controlable e ambos materiais (visual e auditivo) están suxeitos a calquera interrelación e modificación imaxinable (Mary Ellen Bute)

Polka Graph
Mary Ellen Bute / Ted Nemeth | 1947 | 3'
Mary Ellen Bute afirmou sobre unha das súas pezas preferidas, Polka Graph, que "emprega o patrón gráfico da música como trampolín para a interpretación visual" do movemento Allegretto da suite "A idade de ouro" de Dmitri Shostakovich (Jit Basquin / Bruce Posner)

Color Rhapsodie
Mary Ellen Bute / Ted Nemeth | 1948 | 6'
"[Mary Ellen] Bute trascende as súas influencias, as súas imaxinacións visuais triunfan. Gústame o toque romántico de Color Rhapsodie, a súa densidade visual. Coido que é hora de revisar e reavaliar o traballo de Bute desde unha nova mirada (Jonas Mekas)

Abstronic
Mary Ellen Bute / Ted Nemeth | 1952 | 6'
A fermosa Curva de Lissajous -liñas curvas que pasan a través de movementos harmónicos en direccións perpendiculares- pódese converter nunha coreografía que inspira e sorprende a imaxinación. (Mary Ellen Bute)

Mood Contrasts
Mary Ellen Bute / Ted Nemeth | 1953 | 7'
Unha interpretación encantadoramente lírica do "Himno ao sol" de Nikolai Rimsky-Korsakov. As cores aboian na pantalla capturando o misterioso ambiente oriental da música. (Howard Thompson, New York Times)

New Sensations in Sound
Mary Ellen Bute / Ted Nemeth | 1956 | 1'
O traballo abstracto máis compacto de Bute pon en movemento un animado anuncio de Raymond Scott para publicitar as novas gravadoras estéreo de RCA Víctor. O despregue visual inclúe unha panoplia de técnicas animadas, entre as que os patróns do osciloscopio danzan en complexa sincronía. (Bruce Posner)

  • Título orixinal: Pioneiras#04: Mary Ellen Bute
  • Idioma orixinal: Inglés
  • Dirección: Mary Ellen Bute