Cinema

O Festival Curtocircuíto vívese en NUMAX do 5 ao 8 de outubro

Un ano máis, e van oito, estamos moi felices de sermos unha das sedes do Festival Curtocircuíto, un dos encontros máis estimulantes do panorama galego. Neste 2022 en NUMAX acolleremos 6 sesións entre o 5 e 8 de outubro, nas que coñeceremos de preto as obras de Marta Valverde, Letícia Ramos e Andrew Norman Wilson.

Como cada ano, Curtocircuíto achega a Compostela o cinema máis suxestivo e anovador, permitíndonos descubrir de primeira man propostas creativas e orixinais coa presenza das propias autoras. Neste 2022, as citas de Curto en NUMAX terán tres protagonistas principais. Dentro da sección Terra, dedicaremos dous pases ao cinema da creadora de Nigrán Marta Valverde, cuxa obra parte da «autobiografía para tratar temas como a precariedade, a violencia, o traballo e o problema da representación dende unha perspectiva feminista», en palabras da autora.

Unha das grandes propostas desta edición do festival será a obra de Letícia Ramos, de quen acolleremos dúas sesións. No seu cinema, a creadora brasileira constrúe a partir de eventos históricos e fenómenos naturais, conexións simbólicas entre política, ciencia e imaxinación, nas que se cruzan futuro e pasado. Na súa investigación sobre fotografía analóxica usa escultura, maquetas e efectos especiais para crear paisaxes imaxinarias; relatos e fabulacións que cobran vida mediante fotografía, película e instalación.

Para completar a edición do certame na nosa sala acolleremos as dúas sesións da sección Púlsar que nos permitirán coñecer o artista e director residente de Los Angeles, Andrew Norman Wilson, cuxa obra se encontra nas coleccións dos museos máis prestixiosos do mundo como o Museo de Arte Moderna de Nova York, o Museo Whitney de Arte Americana ou o Centre Pompidou de París.

As sesións terán unha entrada xeral de 3€ e poderán adquirirse de maneira anticipada a través da páxina de Compostela Cultura e, xa durante as xornadas de proxección, na nosa billeteira. Velaquí os horarios, con enlace a cada sesión:

Mércores 5 | 19:45
Terra 1: Marta Valverde

Mércores 5 | 21:30
Letícia Ramos 1

Xoves 6 | | 19:45
Terra 2: Marta Valverde

Xoves 6 | 21:30
Letícia Ramos 2

Venres 7 | 19:45
Pulsar 1: Andrew Norman Wilson

Sábado 8 | 19:45
Pulsar 2: Andrew Norman Wilson