Cinema

O cinema máis atrevido e irreverente no mes de xuño d'Os ollos verdes

O mes de xuño chega cargado de novidades no ciclo Os ollos verdes. O cinema inédito de NUMAX, con catro grandes citas que nos levarán de viaxe polo carnaval andaluz máis iconoclasta, as tradicións milenarias das Illas Canarias ou o talento emerxente en Galicia. Recorda que podes acadar 1 crédito ECTS da USC asistindo a un mínimo de 12 sesións do ciclo e realizando un traballo final.

Comezamos o luns 6 de xuño cunha escolma das curtametraxes galegas máis suxestivas dos últimos anos, premiadas en festivais de prestixio como Clermont-Ferrand, BAFICI ou os Goya: Os corpos (Eloy Domínguez), Augas abisais (Xacio Baño), A comuñón da miña prima Andrea (Brandán Cerviño), Monte Bravo (Noelia Mª Muíño), Onde dormen as gaivotas (Dani Cornes) ou Cabelo (Beatriz Vilariño).

O luns 13 viaxamos a Noruega con Ninjababy, unha esmendrellante comedia que ten por protagonista a Rakel, unha rapaza de 23 anos que quere ser ilustradora e un día, por accidente, queda embarazada. A sorpresa é dobre cando se decata de que está de seis meses polo que non hai opción de aborto. A mellor comedia dos Premios do Cinema Europeo 2021, unha película «fresca, divertida e feminista» (IndieWire).

Do frío nórdico viaxamos ás desérticas paraxes volcánicas da illa de Fuerteventura onde dous irmáns que se odian a morte deben trasladar sete machos cabríos dunha punta a outra da illa. David Pantaleón asina esta fermosa obra de costumismo máxico gañadora do Premio Nacional L'Alternativa 2021. Rendir los machos poderá gozarse o luns 20 en NUMAX.

A Semana Santa implica a toda a poboación de Sevilla, mesmo á comunidade LGBT que desde hai décadas asimilou o ritual relixioso creando os seus propios costumes e espazos. ¡Dolores guapa! ofrece unha perspectiva novidosa e disidente a esta tradición. O luns 27 en NUMAX.

Por suposto, seguen a computar dentro do ciclo todos os pases do noso actual foco, dedicado ao xenial cineasta iraniano Abbas Kiarostami, de quen proxectaremos E a vida continúa (martes 7), A través das oliveiras (martes 14), O sabor das cereixas (martes 21) e O vento hanos levar (martes 28). Tamén se inclúe nos Ollos verdes a obra que deu a coñecer o talento do portugués Miguel Gomes, Aquel querido mes de agosto, que proxectaremos este sábado 4 de xuño.