Libraría

Alberte Pagán presenta en NUMAX «Percorridos por unha teoría do desexo»

O cineasta e escritor Alberte Pagán (O Carballiño, 1965) visita a Libraría NUMAX para presentar o seu libro de relatos Percorridos por unha teoría do desexo. A cita é o xoves 15 de setembro ás 20:00 horas.

Percorridos por unha teoría do desexo é un feixe de relatos que naceron como novela ou, dito doutro xeito, unha novela desglosada en capítulos independentes que se poden ler como relatos. É a historia dunha vida (dunhas vidas que son unha) contada desde a madurez até a xuventude e a infancia. É unha novela sobre a nada, sobre a existencia, sobre o que fai que sigamos untados a este insignificante planeta, e por tanto sobre a (militancia) política (“desexo”). A novela pódese ler seguindo a orde de capítulos proposta ou enfrentando cada capítulo como peza independente. Os números de cada capítulo reflicten outra posíbel disposición: para quen teña interese na cronoloxía dos textos, a numeración indica a orde de redacción; mais tamén inverte (ou reverte á súa orde lóxica) a evolución sentimental da personaxe, desde a infancia até a madurez.

Alberte Pagán é un dos principais responsábeis da renovación cinematográfica que se vive arestora en Galicia con filmes como Bs. As., Tanyarazdwa ou Eclipse. Ademais Pagán é un destacado estudoso do cinema experimental con obras de referencia internacional como A mirada impasíbel. As películas de Andy Warhol ou Introdución aos clásicos do cinema experimental (1945-1990). Tamén destacan o seu ensaio arredor da obra de James Joyce A voz do trevón. Unha aproximación a Finnegans Wake, o poemario Prosopagnosia ou a peza teatral Como foi o conto e outras peças teatrais.