NUMAX

Repaso a un 2022 cheo de emocións en NUMAX

Baixamos o pano dun 2022 no que se consolidou a recuperación da asistencia ao cinema, con case 300 filmes en versión orixinal proxectados, e unha intensa actividade na libraría, coa visita, entre outras convidadas, de Mariana Enríquez e Belén Gopegui.

Ao longo do ano que agora remata a pantalla do Cinema NUMAX acolleu a estrea de case 300 títulos de cinema en versión orixinal que foron vistos na sala por máis de 25.000 espectadores/as que confirman a progresiva recuperación da asistencia tras a pandemia. Grazas ao acordo coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, traducimos ao galego o subtitulado de 6 filmes que foron estreados no noso idioma en salas de toda Galicia. 2022 foi tamén o ano de recuperación de NUMAX na Escola, con máis de 3.000 alumnos/as participantes, ao tempo que consolidamos liñas paralelas que enriquecen a nosa programación: Petís NUMAX, Os ollos verdes —en colaboración coa USC—, e os ciclos de Repertorio, nos que puidemos gozar en pantalla grande das obras de Agnès Varda, Abbas Kiarostami, Éric Rohmer, John Ford, Lars von Trier, Márta Mészáros ou Jean Rouch.

A sala de cinema propiciou, un ano máis, o encontro do público con cineastas de renome internacional n'A cor das palabras, organizado co Concello de Santiago —Ana Pfaff, Helena Girón & Samuel M. Delgado, Jean-Gabriel Périot & Pablo La Parra, Alejo Moguillansky, Arantza Santesteban—. Tamén nos acompañaron, nas estreas de candanseu filme, Ángeles Huerta, Tamar Novas, María Vázquez, Alfonso Zarauza, Marcos Nine, Javi Camino ou Fon Cortizo entre outros. Colaboramos, un ano máis, con festivais xa clásicos na nosa sala, como a MICE, o WOS, Curtocircuíto e Cineuropa, e estreamos colaboración con outras iniciativas como a Comuna de Rojava, no Kurdistán sirio, ou Blow Up. A música no cinema en colaboración coa Reixa Tenda e o Outono Códax Festival. Por último, salientamos o proxecto Videogramas. A propósito de Compostela, promovido por NUMAX ao abeiro do Fondo X21 da Xunta de Galicia, que propiciou a creación por parte de destacadas cineastas galegas de 8 pezas sobre a cidade de Santiago.
 


FOTO: Margarita Ledo presenta o Foco Agnès Varda
 

Este ano a Libraría NUMAX acolleu máis de corenta actividades. Autores e autoras como María Ovelar, Luis E. Froiz, Severiano Casalderrey, Alberto Lema, Cristina Sánchez-Andrade, Nuria Vilán, Elaine Villar Madruga, Samuel Merino, Silvia Penas, Arancha Nogueira, Claudio Pato, Berta Dávila, Teresa Moure, Rosendo Cid, Natalia Litvinova, Paula Lago, Marcos Ordóñez, Inma López Silva, Avelina Pérez, Brais Lamela, Ignacio Castro, Sica Romero, Thayane Gaspar, María Soliña Barreiro, Xavier Valiño, Julia Rendón, Xelís de Toro, Antonio Doñate, Patricia Bolaños, entre outros, presentaron na Libraría as súas obras poéticas, ensaios, obras de teatro, novelas ilustradas ou novelas máis recentes.

A maiores, organizamos a actividade É un falar. A oralidade na escrita (en colaboración coa Deputación da Coruña e o Instituto da Lingua Galega), un ciclo de conversas no que catro parellas de autoras galegas e doutras partes do Estado dialogaron sobre o a inclusión da oralidade nos seus textos literarios (e viceversa). Nela participaron Uxue Alberdi e Susana Sánchez Aríns; Celso Fernández Sanmartín e Fruela Fernández; Nuria Vil e Pablo X. Suárez; Ángela Segovia e Luz Pichel. Neste ano impulsamos o noso primeiro Clube de Lectura que conduciron Carlos Valdés e Celia Recarey da Editorial Irmás Cartoné e que contou con dous bloques temáticos: un centrado na ciencia ficción escrita por mulleres e un segundo que xirou en lecturas centradas na maternidade e as relacións materno-filiais. Tamén temos que destacar a visita da escritora Belén Gopegui para a firma de exemplares da súa última novela Existiríamos el mar e o encontro coa raíña da literatura de terror arxentina Mariana Enriquez, que visitou NUMAX para presentar Bajar es lo peor.

FOTO: Mariana Enríquez con Marta Pérez Pereiro e boa parte da equipa de NUMAX

Entre os proxectos destacados deste ano na área de Gráfica do Laboratorio NUMAX está o deseño expositivo e maquetación do catálogo A Vía da Prata. Aires do Sur para o Museo Gaiás (Fundación Cidade da Cultura de Galicia). Tamén puxemos en marcha as webs de Lost&Found e Soundtroop. No apartado de deseño gráfico, destacan o cartel e títulos de crédito do filme A Foreign Song de César Souto (Matriuska Producións). Deseñamos a imaxe do Día do Cooperativismo 2022 (Xunta de Galicia).

Na área de Vídeo realizamos este ano a montaxe e etalonaxe do filme A Foreign Song, dirixido por César Souto (recentemente premiado como mellor filme español no Festival de Xixón), a montaxe e etalonaxe da película Alicia fai cousas, dirixida por Ángel Santos; así como as etalonaxes dos filmes Hirugarren Koadernoa de Lur Olaizola, Film Granell de Eugenio Granell, Al otro lado del mar de Eloy Domínguez, Din que non falan de Santos Díaz e Alén mar de Andrés Sanjurjo.

Realizamos o vídeo A travesía dun verso para a exposición A Vía da Prata. Aires do Sur (Fundación Cidade da Cultura de Galicia), e seguimos participando nos festivais de cine (S8) Mostra de Cinema Periférico, Festival Internacional de Cine de San Sebastián, Majordocs, WOS festival e Novos Cinemas. Iniciamos neste 2022 a colaboración coa distribuidora Lost&Found e tamén realizamos a montaxe do tráiler internacional do último filme da directora alemá Angela Schanelec, Music.