Libraría

A nova peza de Fóra dos Museos lanza a pregunta “Que facemos coa Virxe?"

A fermosa Virxe Inmaculada de alabastro policromado do século XVIII que ata o 9 de outubro se expón na Libraría NUMAX serviranos de escusa para falar da arte sacra e os museos en Galicia, dentro do ciclo Fóra dos Museos. Esta quinta cita terá lugar o próximo martes 18 de setembro e nela participará o que fora director do museo do Castro de Viladonga, ata a súa xubilación en 2014, e director xeral de Patrimonio Cultural entre 2005 e 2009, Felipe Arias Vilas, xunto a Sabela L. Pato, comisaria da actividade.

Os museos galegos no proceso autonómico e a súa relación coa arte sacra serán algúns dos eixos sobre os que xirará a conversa da nova cita de Fóra dos Museos, o ciclo que, baixo o comisariado da investigadora Sabela L. Pato, afonda nas orixes e problemáticas do noso sistema museístico, ao tempo que analiza o tipo de obxectos que custodian e exhiben.

Segundo explica a folla de sala da quinta peza que a Libraría NUMAX amosa no espazo expositivo feito para a ocasión, no 1981 o Estatuto de Autonomía atribuíulle ao goberno galego, en exclusiva, as competencias en xestión do patrimonio. En consecuencia, houbo que poñer en marcha os mecanismos necesarios para administrar tales bens. E cumpría, ademais, lexislar un marco propio na materia. Na intersección desta dobre vía estaban os museos, instrumentos de primeira orde no que atinxe á conservación e difusión do acervo histórico e cultural.

Mais a titularidade dos museos existentes era moi diversa, as institucións máis relevantes, como o Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense e o das Peregrinacións estaban en mans do Estado, e sen museos dependentes dos concellos ou das deputacións, como os de Pontevedra e Lugo, a administración autonómica carecía de ferramentas.

Unha das solucións foi a creación dun sistema galego de museos regulado e supervisado pola Xunta, formado tanto por museos propios como por centros concertados, integrados mediante convenio e financiados por medio de subvencións. As distintas normas que se aprobaron trataron o asunto. Con todo, tanto o primeiro decreto, de 1986, como os títulos sobre museos das leis do patrimonio cultural de Galicia, de 1995 e 2016, careceron de eficacia, pois non se desenvolveron os regulamentos nin se dotaron dos medios precisos para a súa aplicación.

A esta situación habería que sumar a demora na transferencia dos museos estatais, que non se completou ata entrados os noventa, a falla de centros propios e a artificial creación de museos por parte de particulares con resultados especulativos en función da orde anual de subvencións.

A Virxe Inmaculada de Vedra

Un momento da montaxe da Virxe no espazo expositivo de Fóra dos Museos, en NUMAX

O patrimonio relixioso ten gran relevancia na historia de Galicia. A Igrexa Católica exerceu dende datas moi temperás un importante control sobre o territorio. Os inicios do monacato retrotráennos aos reinos suevo e visigodo, e a esta circunstancia cómpre sumar as consecuencias do fenómeno xacobeo tras a inventio do sepulcro. A hexemonía cultural da Igrexa dilatouse durante séculos e só comezou a declinar coa chegada do movemento ilustrado

A Virxe que se expón en NUMAX ata o 9 de outubro realizouse no século XVIII. Cóntase con poucos datos: sábese que procede da granxa do Casal de Socastro, en Vedra. O inmoble foi construído no ano 1652 e mercado no século XIX por José Ávila Lamas, futuro bispo de Ourense. A talla formaría, xa entón, parte dos bens da propiedade pero non quedou alí, pois Ávila Lamas trasladouna a Ourense. Os seus sucesores desprendéronse da granxa, que foi derrocada en 1985, pero conservaron a virxe ata a actualidade.

Formalmente a peza presenta trazas tipicamente barrocas. A torsión do corpo, o tratamento dos panos, o xogo de luces e a policromía enfatizan o seu movemento. E a dirección oposta de cabeza e mans, como alonxándose, tamén subliña esta concepción dinámica e teatral tan característica.

A escultura, como é habitual nas Inmaculadas, toma a súa iconografía da muller apocalíptica descrita nas Escrituras, porta coroa de doce estrelas e está pousada sobre unha lúa crecente coas puntas cara arriba. Baixo os seus pés tamén a esfera celeste e unha figura sincrética que tanto lembra o dragón da Apocalipse como a serpe que induce o pecado orixinal. María, virxe e nai ao mesmo tempo, representou na cultura occidental un modelo de comportamento feminino e un obxecto de devoción. O seu estatuto é comparable ao das deusas doutras culturas. A relixión cristiá asimilou moitas das fórmulas do mundo helenístico, e neste, o nacemento virxinal de heroes foi un lugar común.

Descarga AQUÍ a folla de sala da peza e AQUÍ a bibliografía empregada.