Cinema

Comezo de curso con catro filmes, dentro do ciclo «Os Ollos Verdes. O cinema inédito de Numax»

Aínda que estraño, encetamos novo curso e nova fornada de filmes adscritos ao ciclo Os Ollos Verdes. O cinema inédito de NUMAX. Como en anteriores edicións, o ciclo conta co apoio da Concellaría de Acción Cultural do Concello de Santiago e a entrada é gratuíta até que se completen as prazas da sala de cinema. Ademais, se estudas na USC podes obter 1 crédito ECTS pola asistencia ás sesións (máis información no correo [email protected]).

Entre setembro e outubro proxectaremos catro filmes dentro do ciclo Os Ollos Verdes, previa recollida de entradas. As sesións caerán sempre en luns, e as entradas estarán dispoñíbeis só na nosa billeteira física desde o venres anterior a cada sesión, isto é, tres días antes da proxección (máximo 2 entradas por persoa).

7 SET
Sorry to Bother You (Boots Riley)
A historia tola dun vendedor dedicado ao telemarketing que, necesitado de diñero e autoestima, atopa unha forma carente de ética de ascender e cumprir as súas metas profesionais.

21 SET
Non creas que vou berrar (Frank Beauvais)
Impresionante collage de imaxes, catálogo imperdíbel para quen teña coñecido de preto a soidade e fuxiu dela a través do cinema.

28 SET
Wildlife (Paul Dano)
Montana, anos 60. Joe, de 14 anos, é testemuña de como o matrimonio de seus pais se derruba. Desátase un incendio forestal incontrolado e seu pai, sen traballo e sen propósito de vida, únese a combatelo. Filme baseado na novela homónima de Richard Ford.

12 OUT
Danzas macabras, esqueletos e outras fantasías
(Rita Azevedo Gomes / Jean-Louis Schefer)
O historiador Jean-Louis Schefer retoma xunto aos cineastas Pierre Léon e Rita Azevedo o tema tardomedieval da alegoría da morte, concedendo un enorme protagonismo ás sucesivas vagas da peste en Europa.

Consegue 1 crédito ECTS asistindo ao ciclo Os Ollos Verdes

Como cada ano, o ciclo Os Ollos Verdes achega á pantalla NUMAX títulos clave do cinema actual que non foron estreados en salas comerciais ou contan cunha exhibición moi reducida. Obras arriscadas, arredadas de ortodoxias narrativas, que procuran novos camiños para a linguaxe do cinema e contan co selo de garantía que ofrece a súa selección en festivais de prestixio internacional.

Neste arranque de curso, o ciclo dá continuidade ao acordo de colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela que vimos desenvolvendo desde hai tempo e fai posible que o seu estudantado acade 1 crédito ECTS de 25 horas coa asistencia ás sesións. Todo o que cómpre facer é solicitar a tarxeta do ciclo na billeteira do Cinema e solicitar o selado correspondente en cada sesión d'Os ollos verdes. Tras asistir a 12 sesións só resta elaborar un contido específico dun mínimo de 5.000 caracteres que teña relación con algún aspecto do programa (un filme ou cineasta en particular, un texto sobre o programa completo, un texto de creación libre a partir dalgunha referencia do programa, algún achegamento analítico, etc) que deberá entregarse ao persoal de NUMAX unha vez rematado. Cada mes programaremos varias sesións pertencentes aos Ollos verdes así como Focos e Retrospectivas de cineastas cuxa asistencia tamén computa para a obtención do crédito da USC.