Cinema

Volve o Nocturama ás noites de verán co ciclo «Stanley Kubrick, unha odisea»

Xa está aquí o verán e en NUMAX recibímolo cunha nova edición do ciclo Nocturama, este ano dedicado a un dos creadores máis importantes do século XX, Stanley Kubrick, definido por Orson Welles como "un xigante do cinema". Do cineasta neoyorkino recuperamos 7 obras mestras en copias restauradas xunto a unha selección dos seus filmes preferidos e doutros que el mesmo inspirou. Pide a túa tarxeta do ciclo e se vés a 5 sesións a seguinte é de balde!

Perfeccionista, anovador, meticuloso, autodidacta, obsesivo ou ambicioso son algúns dos adxectivos máis habituais á hora de definir a Stanley Kubrick (1928-1999), un dos directores máis populares do cinema contemporáneo e creador dalgunhas das imaxes máis icónicas do século XX. Adaptando sempre textos alleos, Kubrick desprega en cada filme un estilo visual propio e anovador, garantindo sempre a súa total independencia creativa, co dereito inalienable ao final cut. A súa visión crítica e desencantada da humanidade lévano a compor poderosas alegorías sobre as derivas máis perigosas do seu século, como o culto á violencia, a escalada belicista ou o arribismo social.

Do cineasta do Bronx recuperamos en magníficas copias restauradas 7 das súas obras máis celebradas: a polémica adaptación do Lolita de Nabokov; 2001, unha odisea do espazo, ou o filme que cambiaría para sempre o cinema de ciencia ficción; a icónica e xeracional A laranxa mecánica; a fermosa e distanciada Barry Lyndon; un clásico do cinema de terror como O resplandor; o alegato antimilistarista d'A chaqueta metálica; e Eyes Wide Shut ou a represión tras a máscara social. Precisamente este último filme contará con presentación a cargo do crítico e profesor vigués José Manuel López

Xunto a estas obras esenciais proxectaremos 6 filmes que o propio Kubrick ten sinalado en entrevistas ou listaxes publicadas como importantes na súa formación: Metrópole de Fritz Lang na súa versión íntegra de 148 minutos; Madame de..., de Max Ophüls, Bob, le flambeur, de Jean-Pierre Melville; Rashomon, de Akira Kurosawa; Amorodos salvaxes, de Ingmar Bergman; e o salvaxe thriller fluvial de John Boorman Deliverance.

Para completar o ciclo proxectaremos 4 filmes que recollen o legado de Kubrick ao longo das últimas décadas, desde Solaris, de Andrei Tarkovski, nomeada acotío como o mellor filme de ciencia ficción canda 2001, pasando por Os duelistas de Ridley Scott, Under the Skin de Jonathan Glazer ou a secuela d'O resplandor Doctor Sleep.

As proxeccións celebraranse sempre de luns a xoves nas sesións de tarde e noite e cada filme terá, desde o 1 de xullo ao 29 de agosto, 2 pases. Non esquezas solicitar a túa tarxeta do ciclo e pedir que che selemos cada entrada. Se vés a 5 sesións convidámoste á seguinte!

Luns 1 de xullo / Martes 20 de agosto
Barry Lyndon (Stalney Kubrick, 1975, 183')

Martes 2 xullo / Luns 5 de agosto
Solaris (Andrei Tarkovski, 1972, 165')

Mércores de 3 xullo / Luns 26 de agosto
Bob, le flambeur (Jean-Pierre Melville, 1956, 98')

Xoves 4 de xullo / Martes 30 de xullo
2001, unha odisea do espazo (Stanley Kubrick, 1968, 139')

Luns 8 de xullo / Xoves 1 de agosto
O resplandor (Stanley Kubrick, 1980, 146')

Martes 9 xullo / Luns 12 de agosto
Madame de... (Max Ophüls, 1952, 102')

Mércores 10 de xullo / Xoves 25 de xullo
Deliverance (John Boorman, 1972, 110')

Xoves 11 de xullo / Xoves 29 de agosto
Doctor Sleep (Mike Flanagan, 2019, 151')

Luns 15 de xullo / Xoves 15 de agosto
Eyes Wide Shut (Stanley Kubrick, 1999, 159')
* Presentación de José Manuel López

Martes 16 de xullo / Xoves 8 de agosto
Rashomon (Akira Kurosawa, 1950, 88')

Mércores 17 de xullo / Mércores 7 de agosto
Amorodos salvaxes (Ingmar Bergman, 1957, 90')

Xoves 18 de xullo / Martes 6 de agosto
Lolita (Stanley Kubrick, 1962, 152')

Luns 22 de xullo / Xoves 22 de agosto
Under the Skin (Jonathan Glazer, 2013, 113')

Martes 23 de xullo / Mércores 21 de agosto
A laranxa mecánica (Stanley Kubrick, 1971, 127')

Mércores 24 de xullo / Luns 19 de agosto
Os duelistas (Ridley Scott, 1977, 101')

Luns 29 de xullo / Martes 13 de agosto
Metrópole (Fritz Lang, 1927, 148')

Mércores 31 de xullo / Mércores 14 de agosto
A chaqueta metálica (Stanley Kubrick, 1987, 119')