Cinema

Volve NUMAX na Escola!

Xa está aquí o catálogo renovado para o curso 2021/22 de NUMAX na Escola, a nosa proposta de proxeccións didácticas para o alumnado de infantil, primaria, secundaria e bacharelato. Escolle o filme ideal para o teu alumnado e escríbenos a [email protected] para acordar a sesión.

NUMAX na Escola ofrece cada ano un catálogo amplo e variado de filmes cuxos contidos complementan os currículos educativos vixentes, incluíndo obras para todas as franxas de idade, desde infantil e primaria até secundaria e bacharelato. Cada profesor/a, tras escoller a película que mellor se adapta ao seu grupo de alumnos, deberá contactar connosco para concretar a data e a hora da proxección na sala de cinema. Cada sesión inclúe o envío de material didáctico asociado e unha presentación previa ao pase. Aquí podedes ver as unidades didácticas elaboradas desde NUMAX para o Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 2021.

NUMAX conta con todos os protocolos de ventilación, limpeza e distancia interpersoal para garantir a total seguridade da actividade. O aforo da sala coas actuais restricións derivadas da pandemia é de 38 butacas (profesorado incluído) e o prezo é de 4€ por alumno/a.

Educación infantil e primaria

O catálogo para educación infantil e primaria está ordeado en base aos rangos de idade recomendada, con compilacións de curtametraxes para crianzas e primeiros cursos de primaria, e longas de animación especialmente adaptadas para os últimos cursos do ciclo. O catálogo inclúe obras xa coñecidas do noso programa xunto ás últimas novidades das distribuidoras de cinema infantil coas que adoitamos traballar: Zibila e o poder das raias, As novas aventuras de Toupiños e Manchiñas, Franz e o director de orquestra, Ágata, a miña veciña detective, Pippi e o señor sen sono, O caracol e a balea ou Fritzi. Un conto revolucionario.

! Descarga aquí o catálogo de infantil e primaria

Educación secundaria e bacharelato

No tocante á nosa proposta para os cursos de secundaria e bacharelato, o catálogo está estruturado en base aos seus eixos temáticos, como son a educación en igualdade, o desenvolvemento sostible ou a memoria histórica entre outros. A actual proposta pódese complementar cos filmes que estreamos na sala durante o curso. Destacamos a presenza de importantes filmes do cinema galego recente, como O que arde, Eroski/Paraíso, Nación, Ons, A illa das mentiras ou a máis recente Negro púrpura, que non se atopa no catálogo pero tamén estaría dispoñible.

! Descarga aquí o catálogo de secundaria e bacharelato

Para máis información ou reservas podedes escribir a [email protected] ou chamar ao 981 560 250 (Xan Gómez).