Cinema

Retrospectiva Alfonso Zarauza: 30 anos de cinema

No Cinema NUMAX temos a honra de acoller unha completa retrospectiva na que viaxaremos polos 30 anos de carreira de Alfonso Zarauza, director e produtor fundamental no cinema galego contemporáneo cuxa obra está estreitamente vinculada coa cidade de Santiago. Arrancamos o sábado 26 de abril con A noite que deixou de chover presentada por Miguel de Lira e o propio Zarauza. Entradas xa á venda para esta sesión e todas as do ciclo.

En 1994 un mozo de 21 anos daba os seus primeiros pasos na dirección de cinema coa súa primeira curtametraxe protagonizada por outro mozo, prometedor actor, que contaba con 23. O cineasta respondía ao nome de Alfonso Zarauza e o actor ao de Luis Tosar, a curta titulábase Hay que joderse e tivo a súa estrea nos cines Valle Inclán en febreiro de 1995. 30 anos e moitas películas despois chega o momento de botar a vista atrás e celebrar estas tres décadas de cinema nas que Alfonso Zarauza retratou as vidas da xente de Compostela en obras moi variadas en canto a formatos, linguaxes e duracións.

No Cinema NUMAX estamos moi felices de acoller unha retrospectiva case completa pola obra do noso querido Zarauza, cun programa que arranca o sábado 26 de abril cun evento moi especial no que reestreamos A noite que deixou de chover, peza clave da súa filmografía, dirixida en 2008 e protagonizada polo propio Tosar xunto a Miguel de Lira. Precisamente o actor carnotán, acompañado de Zarauza, ofrecerán presentación e coloquio desta sesión na que tamén se vai proxectar a curta A danza de Katiuska (1998), protagonizada por Ursia Gago e Luis Tosar.

A continuación, de martes en martes até finais de maio, programaremos todas as longametraxes do director compostelán, acompañadas de numerosas curtas que nestes 30 anos completaron unha obra creativa e poliédrica coa que tamén viaxaremos polas últimas tres décadas da cidade. Cada sesión irá, ademais, acompañada de numerosas persoas convidadas, actores e actrices que canda Zarauza rememorarán os procesos creativos das súas obras.

Calendario de proxeccións

Sábado 26 de abril | 21:00h
A noite que deixou de chover (90', 2008) + A danza de Katiuska (15', 1998)
Coloquio con Miguel de Lira e Alfonso Zarauza

Martes 29 de abril | 19:45h
Encallados (65', 2013) + Flâneur en Compostela (20', 2020)
Coloquio con Ricardo de Barreiro e Alfonso Zarauza

Martes 6 de maio | 19:30h
Os fenómenos (98', 2014) + Toro (7', 2004)
Coloquio con Xúlio Abonjo, Xosé A. Touriñán, Ledicia Sola e Alfonso Zarauza

Mércores 14 de maio | 19:40h
A viaxe dos Chévere (54', 2014) + Pontevedra, hora cero (36', 2023)
Coloquio con Patricia de Lorenzo, Xesús Ron e Alfonso Zarauza

Martes 20 de maio | 19:30h
Ons (87', 2020) + Intérpretes (10', 2021)
Coloquio con Melania Cruz e Alfonso Zarauza

Martes 27 de maio | 19:40h
Malencolía (75', 2021) + Sebastián (6', 2001)