A Libraría NUMAX amosa algúns dos primeiros debuxos que abriron camiño para o estudo da etnoloxía en Galicia
A terceira peza da actividade "Fóra dos museos" forma parte do traballo de campo levado a cabo por Víctor Said arredor de 1910, e que constitúe unha das primeiras achegas ao estudo etnográfico do noso país. A Libraría NUMAX exhibirá a partir do 22 de maio cinco bosquexos dos quince que se conservan na Fundación Barrié. Para inaugurar a mostra conversarán arredor do lema "Quen habita en nós?" na libraría o martes 22 de maio a partir das 20:00 Xosé Carlos Sierra, anterior director do Museo Etnolóxico de Ribadavia e Sabela L. Pato, comisaria da actividade. Ademais, no acto proxectarase o filme documental dirixido en 1940 por Antonio Román O carro e o home (cedido polo Museo do Pobo Galego). A entrada é aberta e de balde.
O vindeiro martes 22 de maio a partir das 20:00 a Libraría NUMAX amosará a terceira peza de "Fóra dos museos". Son cinco debuxos de Víctor Said Armesto (1871-1914), un intelectual polifacético que, se ben en sentido estrito non pode ser considerado etnógrafo, contribuiu cos seus esforzos por compilar literatura oral, música e vocabulario rústico á configuración desta disciplina, que comezaría a ser unha actividade profesionalizada no noso país a partir de 1923, cando se fundou o Seminario de Estudos Galegos.
Entre 1899 e 1910 Said Armesto realizou varias campañas de campo. Trasladarse ás aldeas e establecerse para realizar as colectas requiría tempo, diñeiro e salvar as dificultades dos camiños. As limitacións eran tales que o propio Murguía intentou disuadilo. Neste sentido, os esforzos de Said Armesto foron pioneiros e encomiables e o volume de material recollido moi abundante. Só na última das expedicións documentou 187 romances coa súa melodía, un gran número de cancións populares (con música e letra), lendas varias e uns 300 vocábulos. A maior parte das informantes eran mulleres e labregas. A práctica totalidade dos datos recadados eran inéditos.
Os seus apuntamentos están entre os primeiros exemplos dun repertorio que logo chegou a identificar a disciplina da etnografía en Galicia. Na Libraría NUMAX amosaranse durante un mes cinco papeletas das quince que se conservan na Fundación Barrié. Ademais das notas sobre o malle, o fiandón, o arado e o carro que se poderán ver entre maio e xuño na Libraría, a Fundación Barrié atesoura outras sobre o muíño e o forno.
A mediados do século XIX despuntaría en Galicia o interese pola cultura popular que, en xeral, se identificou co mundo labrego. A isto axudaba a urxencia por documentar unha tradición en retroceso e a procura das orixes. No plano institucional o interese reflectiuse na creación da sociedade El Folk-Lore Gallego, cuxos integrantes promoveron un detallado cuestionario, o primeiro realizado en Galicia. A lingua, a literatura e os costumes populares eran os aspectos que máis atención demandaban. Entre as iniciativas que proxectaron estaba a creación dun museo xenuinamente galego. A institución non chegou a concretarse pero, ao parecer, constituía unha aspiración irrenunciable e mesmo naturalizada.
Na nosa contorna as Exposicións Rexionais propiciaran algúns movementos en pro da creación dun Museo Galego. E na mesma época, a Sociedade Económica de Amigos del País impulsou varias experiencias na mesma liña mais habería que esperar aínda varias décadas ata que un museo etnográfico vise a luz: foi xa no marco das actividades desenvolvidas polo Seminario de Estudos Galegos cunha colección que se instalou na súa propia sede. O traballo de campo foi enorme, pero a labor quedou truncada coa sublevación militar de 1936. O SEG e o seu museo foron incautados.
Esta actividade conta coa colaboración da Fundación Barrié e do Museo do Pobo Galego e co apoio da Deputación da Coruña.
- Martes
- Ver máis
-
-
-
Polvo serán
VOSE
-
-
Sobre o Bowery
VOSG
-