Cinema

Arranca o Foco Márta Mészáros con 8 alfaias da cineasta húngara

O novo Foco de NUMAX presenta o cinema de Márta Mészáros, pioneira do cinema húngaro que conta cunha obra tan suxestiva como descoñecida no noso país. Arrancamos o martes 6 de setembro con Adopción (1975), o primeiro Oso de Ouro na Berlinale gañado por unha muller, que contará con presentación de Víctor Paz, impulsor da distribuidora Lost&Found con quen organizamos o ciclo.

A húngara Márta Mészáros é unha das directoras máis importantes de Europa na segunda metade do século XX. Contemporánea doutras cineastas célebres do seu momento coas que dialoga en temáticas, como a checa Věra Chytilová ou a francesa Agnès Varda, con quen mantiña unha próxima amizade e que a consideraba unha das súas realizadoras preferidas, foi a primeira muller en gañar o Oso de Ouro da Berlinale en 1975 polo seu filme Adopción, co que abrimos o ciclo. En só tres anos, tamén se faría co premio da crítica internacional en Cannes (por Nove meses) e coa Cuncha de Prata de Donostia (por Coma na casa).

A pesar de resultar tan exitosa no seu momento, o seu nome pode que non circulara todo o que esta gran cineasta merece nas últimas décadas. A decisión do National Film Institute de Hungría de restaurar boa parte da súa obra nos últimos anos, unido ao premio á súa carreira que a Academia do Cinema Europeo lle concedeu o ano pasado, lograron poñela de novo no mapa. Descubriremos un cinema adiantado ao seu tempo, profundamente persoal, político, honesto, feminista e auténtico.

Nos martes do 6 de setembro ao 1 de novembro en NUMAX mergullarémonos na obra de Mészáros con oito obras fundamentais para entender o seu cinema acompañadas de numerosas presentacións e subtitulado ao galego en catro dos filmes. O primeiro dos pases terá lugar o martes 6 de setembro coa presenza de Víctor Paz, impulsor do ciclo e da nacente distribuidora Lost&Found á que desexamos unha longa vida.

Martes 6 de setembro
Adopción (1975, 88', VOSG)
* Presentación do filme e o ciclo a cargo de Víctor Paz, responsable da distribuidora Lost&Found

Venres 16 de setembro
Diario para os meus fillos (1984, 107', VOSG)
* Presentación e coloquio con Nyika Jancsó, director de fotografía do filme e fillo da cineasta

Martes 20 de setembro
Diario para os meus amores (1987, 131', VOSE)

Martes 4 de outubro
Diario para os meus pais (1990, 116, VOSE)

Martes 11 de outubro
A rapariga (1968, 84', VOSG)

Martes 18 de outubro
Non choredes, preciosas! (1970, 89', VOSE)

Martes 25 de outubro
Nove meses (1976, 90', VOSG)
* Presenta a catedrática, académica e cineasta Margarita Ledo

Martes 1 de novembro
Coma na casa (1978, 109', VOSE)