Cinema

Volve o Nocturama cun ciclo sobre Alfred Hitchcock e cineastas que continuaron o seu legado

O ciclo Nocturama volve ás tardes e noites de verán con Alfred Hitchcock presenta, un amplo ciclo que inclúe 4 obras mestras do mago do suspense acompañadas de filmes e autores herdeiros do estilo Hitch. Complétase o ciclo co documental de Mark Cousins My Name Is Alfred Hitchcock.

Poucos autores na historia do cinema acadaron un impacto na cultura contemporánea comparable co de Alfred Hitchcock. Alcumado decote como o mago do suspense, a importancia do cineasta británico soborda a súa incomparable habilidade para nos suxeitar á butaca de cinema desde o primeiro ao último plano. Como un dos maiores indagadores na psique humana, especialmente nos seus aspectos máis perturabadores e sinistros, o legado de Hitchcock pode detectarse de maneiras moi diferentes ao longo dos últimos 70 ou 80 anos.

O ciclo arranca con 4 grandes filmes asinados Hithcock que, nalgúns casos, non se atopan entre os seus títulos máis consagrados: Marnie, a ladroa, Enviado especial, Atormentada e Rebecca. A seguir, xa no mes de agosto, chega a quenda dos herdeiros do director británico, desde propostas clásicas de Fritz Lang Segredo tras a porta―, H. G. ClouzotAs diabólicas― ou Akira Kurosawa O inferno do odio―, a obras máis modernas de Michael Powell O fotógrafo do pánico― ou Brian de Palma Fascinación―, sen esquecer a súa influencia no cinema contemporáneo, onde escollemos o Phoenix de Christian Petzold. Non nos esquecemos de dous cineastas franceses que, xa sexa nas páxinas de Cahiers du Cinéma, nos seus libros ou no cinema, foron os primeiros en reivindicar a figura de Hitchcock: Claude Chabrol Grazas polo chocolate― e François Truffaut A noiva vestida de negro―.

A proposta complétase o 18 de agosto coa estrea durante unha semana do documental My Name Is Alfred Hitchcock, no que o cineasta e historiador Mark Cousins profundiza no impacto da obra de Hitchcock na cultura e a sociedade contemporánea.

11 e 15 de xullo
Marnie, a ladroa (Alfred Hitchcock, 129', 1964)

18 e 22 de xullo
Enviado especial (Alfred Hitchcock, 115', 1940)

24 e 29 de xullo
Atormentada (Alfred Hitchcock, 117', 1949)

1 e 5 de agosto
Rebecca (Alfred Hitchcock, 130', 1940)

7 e 23 de agosto
Segredo tras a porta (Fritz Lang, 97', 1947)

8 e 24 de agosto
Fascinación (Brian De Palma, 98', 1976)

9 e 21 de agosto
O inferno do odio (Akira Kurosawa, 143', 1963)

10 e 22 de agosto
Grazas polo chocolate (Claude Chabrol, 100', 2000)

14 e 30 de agosto
O fotógrafo do pánico (Michael Powell, 109', 1960)

15 e 31 de agosto
Phoenix (Christian Petzold, 94', 2014)

16 e 28 de agosto
As diabólicas (H. G. Clouzot, 114', 1955)

17 e 29 de agosto
A noiva vestida de negro (H. G. Clouzot, 114', 1955)

Do 18 ao 24 de agosto
My Name Is Alfred Hitchcock (Mark Cousins, 120', 2022)