NUMAX

O Cinema NUMAX pecha 2016 con máis de 30.000 espectadores

Estreas, filmes restaurados e traballos de vangarda fidelizan un público que atopa na súa visita ao Cinema NUMAX o valor engadido dunha libraría con identidade propia con máis de 5.000 volumes.

Durante 2016 o Cinema NUMAX estreou máis dun cento de filmes de moi diversas formas, linguaxes e temáticas, procurando o equilibro entre as novidades de carteleira, a reestrea en copias restauradas de filmes rodados en celuloide, e os traballos de vangarda escolmados para a sección Os Ollos verdes. O número total de espectadores en sala superou amplamente os 30.000.

A Aula Os Ollos verdes, baixo o formato de masterclass, trouxo a Santiago de Compostela once cineastas que expuxeron polo miúdo o seu traballo creativo en memorábeis aulas de cinema. Esta iniciativa, que contou coa colaboración do Concello de Santiago e a Deputación da Coruña, permitiu a visita de cineastas de primeiro nivel internacional como Pedro Costa, Rita Azevedo Gomes, Albert Serra ou Charles Burnett, entre moitos outros.

Grazas ao programa didáctico NUMAX na escola, unha liña de traballo que botou a andar co obxectivo de apoiar a transmisión de valores e coñecementos a través do cinema, máis de 1.000 alumnos/as de diversos centros de primaria, secundaria e bacharelato da comarca compostelá e doutras áreas de Galicia visitaron o cinema este ano.

2016 foi tamén o ano no que NUMAX funcionou por vez primeira como sede do Festival Cineuropa, que celebraba a súa trinta edición. Ademais, colaborou activamente co Festival Internacional de Cinema de Rotterdam a través do IFFR Live, o WOS Festival, o Festival Escenas do Cambio e o Festival Curtocircuíto (un certame cuxa colaboración se estende á programación regular, coa proxección ao longo de todo o ano de curtametraxes na compaña de filmes de estrea). Iniciou ademais unha colaboración con Amnistía Internacional Compostela, que presentará filmes que traten algunha problemática vinculada á vulneración dos dereitos humanos.

Tamén nos últimos 12 meses o Cinema NUMAX converteuse na única sala galega que conta co selo Europa Cinemas encadrado no Programa MEDIA da UE, grazas a unha liña de programación converxente cos requisitos de diversidade, calidade e difusión do cinema europeo en todo o mundo. Ademais, a Cooperativa NUMAX recibiu o Premio de Honra José Sellier dos Mestre Mateo 2016 e foi Premio da Cultura Galega 2016 na categoría de Audiovisual, galardón que recollerá o vindeiro mes de xaneiro.

A distribución de cinema independente en versión orixinal é a área de traballo de NUMAX Distribución. Despois de estrear Los hongos, A vinganza dunha muller e Cabalo diñeiro, o próximo 5 de xaneiro estrearase en máis de 20 salas de toda España Mimosas, de Oliver Laxe. O cineasta galego será o gran protagonista na estrea o xoves 5 de xaneiro, participando no Cinema NUMAX na presentación dun filme que xa fixo historia ao gañar na Semana da Crítica de Cannes 2016, entre outros varios premios.

Unha libraría xeralista con identidade

Ao longo deste curso, a Libraría NUMAX consolidou o seu fondo, pasando dos 3.000 volumes iniciais aos máis de 5.000 cos que agora conta, e incorporando novos selos editoriais. Baixo a premisa de enriquecer unha libraría xeralista ben escollida e con identidade de seu, ampliáronse seccións como a de gastronomía, a de música ou a de ciencia; consolidouse a sección de dvd-bluray, cun importante fondo de importación, e incorporouse unha selección de vinilos e cds vinculados ao fondo e á programación do cinema.

En 2016, foi a única libraría de Galicia seleccionada por Guía Repsol na súa proposta de 10 librerías con encanto. Doutra banda, a Libraría acolleu as máis diversas presentacións: cinema, teatro, poesía, performance, novela, arte... Mantivo unha media de dúas presentacións ao mes, coa música e a creación audiovisual moi presentes, enriquecendo e compartindo o espazo destinado aos libros. Pasaron pola Libraría, entre outros, Alberte Pagán, Marcos Abalde, Antía Otero, Isaac Garabatos, Rosendo Cid, Inés Fonseca, Marta Madureira, Jesús Castro, Ismael Ramos, Dores Tembrás, Eva Veiga, Grupo Ouriol, José María Pérez Álvarez, Miqui Otero e Juan Tallón. En xaneiro de 2017, a filósofa e escritora Rebeca Baceiredo presentará, xunto á escritora Teresa Moure e Roberto Abuín, de Axóuxere Editora, Oiko-nomía do xénero. Será o venres 27.

Novo servizo de comunicación integral no Laboratorio

O Laboratorio NUMAX continúa a ofrecer os seus servizos de deseño e produción de vídeo dirixidos a clientes particulares, empresas e institucións, incluíndo este ano servizos de comunicación e creación de contidos.

Cabe resaltar neste 2016 o deseño de publicacións como o catálogo de Grace Schwindt (MARCO), campañas de comunicación coma a dos Orzamentos Participativos Compostela Decide da man de Cidadanía ou o deseño de feiras e eventos como o Culturgal ou o Festival Sinsal.

A área de Vídeo reforzou o seu equipamento para implementar os servizos de edición e posprodución: este ano traballouse na etalonaxe e finalización en DCP de filmes como Esquece Monelos (Ángeles Huerta, 2016) ou Nocturno (Álvaro F. Pulpeiro, 2017). Continúase, ademais, coa asesoría técnica e creación de DCP para festivais como o Novos Cinemas en Pontevedra, o Festival Internacional de Cine de Ourense ou Curtocircuíto en Santiago, para quen ademais se elaborou a cabeceira e o vídeo promocional.

O Laboratorio NUMAX dá soporte ás necesidades creativas e técnicas da área de Distribución, encargándose de elaborar cartelaría, guías, materiais promocionais, tráilers e creación de copias de distribución.