Arranca o ciclo «Pioneiras» cunha sesión dedicada á cineasta Lois Weber

Mañá xoves, 20 de febreiro, arrinca un novo ciclo en NUMAX que se irá desenvolvendo ao longo dos meses e que ten como obxectivo recuperar a obra de mulleres fundamentais na creación da linguaxe do cinema. Pioneiras ten como primeira protagonista a extraordinaria directora Lois Weber, de quen proxectaremos a curta Suspense (1913) e a longametraxe A mancha (1921).
Aparentemente, o papel da muller no cinema clásico e, especialmente, no sistema de estudios de Hollywood, ficou restrinxido á interpretación ou a labores técnicos específicos como a montaxe ou o deseño de vestiarios. Porén, houbo destacadas excepcións e tamén houbo unha época, os anos 10 do século XX, no que foron numerosas as mulleres que decidiron poñerse aos mandos dos seus obras para contar as súas propias historias. Mulleres autónomas, con capacidade de decisión, que non precisaban do permiso masculino para actuar, contar ou dirixir.
No ciclo Pioneiras partiremos deste período, os anos 10 e 20 do cinema norteamericano, para recuperar directoras fundamentais tanto no achádego de novas caligrafías para unha linguaxe que estaba a nacer, como pola súa capacidade para tratar temas tabú para a época. Aínda que o caso máis emblemático é o de Alice Guy-Blaché (cuxa obra estará presente na segunda sesión do ciclo), arrancaremos por unha cineasta excepcional cuxa obra non foi reivindicada como se merece: Lois Weber.
Nos seus inicios, Weber viviu a cabalo entre dúas profesións: actriz e directora. Como actriz comezou interpretando a mulleres dóciles, manipuladas e dependentes dunha figura masculina. Pero axiña decidiu facerse directora e tratar temas polémicos como o aborto, o control da natalidade, o alcolismo ou a pena de morte. Muller comprometida, o seu cinema destaca polo rigor narrativo, carente de estridencias ou xestos esaxerados, e polo detallismo da súa mirada. Os seus protagonistas adoitan pertencer a familias de clase media-baixa que loitan pola súa dignidade e supervivencia, pero tamén por gardar as aparencias.
A sesión de homenaxe a Lois Weber arrancará coa curtametraxe Suspense pertencente a unha primeira etapa na que dirixe decenas de películas de un só rolo. Considerada unha obra mestra da época, Suspense conta coa actuación da propia Weber como unha nai axexada por un sinistro acosador. Esta coartada argumental serve á directora para desenvolver unha ampla gama de recursos narrativos, desde a montaxe paralela á pantalla dividida ou as angulacións anovadoras. Unha alfaia realizada en 1913.
[Fotograma d'A mancha]
En 1915 Weber amplía o arco narrativo dos seus filmes e convértese na primeira muller en dirixir longametraxes, algunhas tan extraordinarias como Hypocrites (1915), Where Are My Children? (1916) ou Shoes (1916). En 1917, a cineasta decide que quere ter o control total do proceso de creación dos seus filmes, abandona a Universal e funda a produtora Lois Weber Production, converténdose na persoa (home ou muller) dedicada á dirección mellor pagada de Hollywood.
A este período de mardurez pertence A mancha (The Blot, 1921), un drama social moi delicado, con toques de humor e fondo compromiso social. A película denuncia os salarios baixos das persoas dedicadas á educación e cun estilo sobrio e contido, pon o foco nos pequenos detalles que definen as diferenzas de clase: mobles gastados, remendos no calzado ou as dificultades para o pago da hipoteca.
A segunda cita de Pioneiras será o mércores 26 de marzo cunha tripla sesión que inclúe Falling Leaves (1912) de Alice Guy-Blaché, a adorable sátira dos melodramas Eleanor's Catch (1916), de Cleo Madison, e un dos primeiros exemplos de cinema feminista: The Dream Lady (1918), de Elsie Jane Wilson.
- Luns
- Ver máis
-
-
A viaxeira
VOSE
-
-
French Cancan
VOSE
-
-
Muy lejos
VO
-
-
-
A viaxeira
VOSE