Arranca a actividade «É un falar» sobre as relacións entre a oralidade e a escrita
O punto de partida da actividade “É un falar" son as relacións que existen entre a fala e a escrita. Este ciclo de conversas traerá á Libraría NUMAX, de xuño a novemebro de 2022, a catro parellas de autoras galegas e doutras partes do Estado español para pensar e dialogar sobre libros ou formas de narrar que nacen, dun xeito ou outro, da oralidade. Esta actividade conta co apoio da Deputación da Coruña e coa colaboración do Instituto da Lingua Galega (ILG).
"É un falar" é unha actividade creada por NUMAX que volve ter como centro a literatura desde un punto de vista innovador e performático. A relación entre a fala e a escrita é o punto de partida deste ciclo de conversas, no que catro parellas de autoras galegas e doutras partes do Estado pensarán en alto sobre libros ou formas de narrar que nacen, dun xeito ou outro, da oralidade. E farano contando, que é unha das maneiras que temos de facernos visibles, de problematizar a construción do relato histórico e de cuestionar os códigos lingüísticos. "É un falar" busca replicar neses diálogos algunhas das cualidades máis fermosas do contar falando: a participación no momento presente e a creación do sentimento comunitario da experiencia. A idea desta proposta é proporcionar o espazo para que se dean conversas diferentes nas que as persoas convidadas dialoguen sobre o seu proceso creativo de escritura e sobre a inclusión da oralidade nos seus textos literarios (e viceversa). Estas conversas, de estructura aberta, terán como liña vehicular a oralidade, o recitado en voz alta permitindo a interpretación en directo e a lectura de textos.
Os encontros están distribuídos dende xuño a novembro de 2022, e neles participarán a escritora e bertsolari vasca Uxue Alberdi xunto á escritora arousá Susana Sánchez Aríns; o narrador oral Celso Fernández Sanmartín xunto ao poeta e traductor Fruela Fernández; as poetas Nuria Vil e Pablo X. Suárez; e, por último, ás tamén poetas Ángela Segovia e Luz Pichel. Un conxunto de propostas diversas que queren crear diálogo interxeracional e que van desde a poesía escénica á narración oral, pasando pola narrativa, a crónica ou o ensaio, e abordando outros textos máis especiais e inclasificables.
Nuria Vil e Pablo X. Suárez
«Lingua aberta»
Sábado 11 de xuño ás 12:30
A rebeldía, a actitude punk e a volatilidade no escénico e no uso da palabra están moi presentes nos directos e nas propostas das protagonistas deste bloque: Nuria Vil e Pablo X. Suárez. Ambas traxectorias camiñan entre as marxes do literario e a performance nas súas intervencións, precisamente pola transformación da palabra falada e dos elementos e recursos cos que se relaciona este xénero. Ambas propostas teñen en común o feito de aliarense no directo con outras persoas e grupos para materializar os seus espectáculos. Nesta ocasión, dialogarán sobre os elementos escénicos propios dos seus proxectos e sobre o peso da oralidade e da representación da palabra que artellan (improvisacións, recursos poéticos, discurso narrativo, etc).
Uxue Alberdi e Susana Sánchez Aríns
«Escribir a voz»
Mércores 6 de xullo ás 20:30
Este diálogo estará centrado nas recollidas de testemuños orais (conversas, rumores, historias orais e familiares) e nos usos dos mesmos na elaboración de narrativas de Uxue Alberdi (como La trastienda ou Reverso. Testimonios de mujeres bertsolaris) e Susana Sánchez Aríns (como Seique). No caso da autora galega, o propio título ponnos na pista do seu uso do dixomedíxome como unha das capas sobre as que se constrúe a narración, especialmente cando o que se trata son feitos traumáticos: en Seique, o centro da obra son os ocos arredor da figura do seu tío avó, represor franquista, de quen a propia familia apenas quixo falar. A maneira de abordalos leva a unha mestura de xéneros que está tamén presente nos libros de Alberdi, que poden lerse como novelas pero tamén se achegan á crónica no seu uso de testemuños. Así, ambas autoras reflexionan sobre as formas nas que se constrúe o relato histórico, sobre o fácil que é caer na desmemoria e sobre o que facer cando faltan as fontes documentais e os arquivos.
Celso Fdez. Sanmartín e Fruela Fernández
«Palabras tomadas»
Mércores 21 de setembro ás 20:30
O terceiro bloque xuntará ao poeta e contacontos Celso Fernández Sanmartín co docente, traductor e escritor Fruela Fernández. Ambos son facedores de textos situados nos límites dos xéneros. O lalinense Celso Fernández Sanmartín defínese como recolledor de historias e de memorias ligadas á tradición oral galega e europea. Na súa actividade profesional goza de contar e recontar estas historias en alto para o público dende a actualidade, dándolle á palabra o seu lugar natural e demostrando que os contos non son algo estático. Pola súa parte, o asturiano Fruela Fernández traballa coa memoria e as historias dun xeito diferente, como demostra a súa última publicación Incertidumbre de aldea. Así o texto, que está a medio camiño entre o ensaio, o diario e a crónica dun momento vital, volve unha e outra vez sobre temas comúns, que vinculan ademais estas dúas voces: o sentido da cultura popular, as transformacións e a relación campo-cidade, o traballo da lingua ou as mutacións antropolóxicas.
Luz Pichel e Ángela Segovia
«Ablandar a lingua»
Venres 4 de novembro ás 20:30
As escritoras e poetas Luz Pichel e Ángela Segovia son dúas autoras que recollen e traballan na súas respectivas obras con formas non regradas da lingua e que influíron de maneira directa á hora de construír a súa propia fala poética. No caso de Luz Pichel exemplificase no uso do galego dialectal de Lalín e os seus rasgos fonéticos en obras como Cativa en su lughar/casa pechada e CO CO CO U. No caso de Ángela Segovia, no poemario Mi paese salvaje mestura o castelán con outras linguas romances e outros sons arcaicos da linguaxe para a creación dunha nova lingua máis persoal, que se deixa case arrastar pola lírica medieval no seu sentido popular e musical. Nesta conversa ambas intentarán achegarse aos porqués das súas respectivas escollas e dos seus usos como forma de subversión lingüística.
- Hoxe
- Ver máis
-
-
A luz que imaxinamos
VOSE
-
-
Bird
VOSG