Actualidade

Cinema

Ana Schulz e Cristóbal Fernández presentan «Mudar la piel»

Chega a NUMAX Mudar la piel, unha das sorpresas da tempada no cinema español, un relato sobre a insólita amizade entre Juan, pai da directora e mediador entre ETA e o goberno español, e Roberto, espía que se infiltrou na súa vida durante anos. Os pases terán lugar o sábado 27 e domingo 28 de outubro con presentación e coloquio dos autores.

Ver máis

Libraría

Arredor do Stefan Zweig en galego

As traducións ao galego dun dos autores máis importantes da literatura europea, o austríaco Stefan Zweig, serán o eixo do encontro que terá lugar en NUMAX o xoves 25 de outubro ás 20:30. Contaremos coa presenza de editoras e tradutoras do autor para nos desvelaren como foi o proceso de volcar ao galego a escrita dun dos narradores máis prolíficos da primeira metade do século XX, ata o seu suicidio xunto á súa muller, perante a idea de que o nazismo se estendería a todo o planeta. Colabora neste evento a Asociación Galega de Xermanistas.

Ver máis

Libraría

Roberto Abuín presenta «Orfeo canta» este xoves na Libraría NUMAX

En Orfeo canta. Iniciación, signo & retorno o filósofo, o escritor e editor Roberto Abuín investiga «a forza conducente que a escura potencia do real manifesta na conformación do visible a través dunha arriscada proposta a medio camiño entre poesía, narrativa e filosofía que se interna por unha senda exótica e inhabitual na escrita contemporánea», segundo Axóuxere Editora. Acompáñano Olga Novo e Juan Gallego para presentar esta obra o vindeiro xoves 18 ás 20:00 na Libraría NUMAX.

Ver máis

Libraría

As causas da desprotección do patrimonio industrial galego, última conversa do ciclo «Fóra dos Museos» na Libraría NUMAX

Pranchas de folla-lata serigrafadas para a construción dos envases de conservas Massó, 1940 [ca.]. Museo Massó, Bueu. Foto: Alba Vázquez Carpentier.

O pequeno espazo expositivo de Fóra dos Museos resgardará ata mediados de novembro a matriz litográfica coa que se estampaban as latas de conservas da fábrica de Massó. Esta delicada peza é unha escusa para falar da falta de atención que recibe o patrimonio industrial galego no noso sistema museístico. O próximo martes 9 de outubro ás 20:00 teremos connosco á directora do Museo Massó, Covadonga López de Prado Nistal, acompañada de Sabela L. Pato, comisaria da actividade. E é que queremos saber «Que pasa co noso patrimonio industrial?»

Ver máis

Cinema

Un ano máis o Curtocircuíto vívese en NUMAX

Estamos moi felices de repetir un ano máis a nosa colaboración cun evento de referencia na cidade, o Festival Curtocircuíto. Do 3 ao 6 de outubro, o Cinema NUMAX será unha das sedes do certame, recibindo a visita de grandes autores do panorama galego (Xacio Baño) e internacional (Bertrand Mandico, J.S. Rinland), e sesións dos programas Penínsulas e Explora.

Ver máis